Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O pulo ao idioma con Modo galego suma en Ames as escolas deportivas

Concello e Real Academia exploran novos xeitos de promover a lingua de Castelao

Este luns van rubricar dito acordo para empregar o idioma uns 2.700 alumnos da capital maiá

Autoridades e participantes na iniciativa Modo Galego, actívao! na súa presentación en Ventín

Autoridades e participantes na iniciativa Modo Galego, actívao! na súa presentación en Ventín / Concello

Ames

A alianza do Concello de Ames coa Real Academia Galega volve a terras maianas trala presentación no CEP de Ventín da cuarta edición de Modo Galego, actívao!, o proxecto de investigación-acción que explora novos xeitos de promover o uso da lingua entre a xente nova e avaliar os resultados. Agora, e ademais que nos centros educativos e nas familias, daráselle pulos entre os participantes das escolas deportivas. O luns serán 2.700 alumnos os que firmen o Acordo de compromiso lingüístico a prol da lingua de Castelao.

A experiencia desenvólvese desde 2023 coa implicación do alumnado dos colexios públicos, as familias, o profesorado e persoal dos servizos complementarios de educación amesáns, e constitúe unha aposta singular no eido da dinamización lingüística integral que se aplica tanto nos espazos escolares coma noutros contextos de socialización dos nenos e nenas nos que está implicada a administración local.

Pais e docentes

As familias, os preto de 300 docentes de Infantil á ESO chamados a participar no programa e os arredor de 200 profesionais da educación non formal son tamén protagonistas dunha experiencia na que a súa implicación é clave para que os nenos e nenas leven adiante unha batería de retos.

Estas propostas deseñáronse co propósito de crear espazos estimulantes para que falen galego, ofrecerlles referentes e vincular a lingua a experiencias positivas e de carácter lúdico que promovan o cambio das actitudes lingüísticas. Así, en Infantil e Primaria cada día os cativos coñecerán un novo reto que deberán cumprir nas vindeiras 24 horas, e que lles permitirá ir cubrindo con adhesivos un divertido mapa animado das parroquias de Ames. En Secundaria os retos serán semanais e convidarán a mocidade a descubrir contidos en galego que conectan cos seus intereses.

Valor engadido

O presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; xunto co rexedor Blas García; edís: e o secretario xeral da Lingua, Valentín García; ou a académica María López-Sández acudiron á presentación, destacando Monteagudo os «varios esteos que lle outorgan un alto valor engadido no campo da normalización lingüística. Un deles é a combinación das accións de dinamización coa investigación», dixo.

Ademais, remarcaba que o programa deseñouse «partindo do traballo previo de elaboración do Mapa sociolingüístico escolar de Ames, co que arrincou en 2018 a colaboración da RAG e o Concello de Ames, e o noso Seminario de Sociolingüística avalía ademais os resultados de cada edición», continúa, sen esquecer que «outro punto forte é o seu carácter transversal», buscando a implicación de todos.

Tracking Pixel Contents