Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

TURISMO

Máis peregrinos e máis gasto: o ano do turismo en Costa da Morte

Jesús Picallo: «O xeodestino ofrece experiencias diferentes e prezos contidos»

Dous vistantes gozando dunha posta de sol en Costa da Morte.

Dous vistantes gozando dunha posta de sol en Costa da Morte. / V. C. M.

Fisterra

Á espera do peche de datos definitivos do exercicio 2025, na Costa da Morte confírmase que o pasado ano foi «bo» para o sector turístico, xa que, segundo Jesús Picallo, vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia, «batemos récords de pernoctacións turísticas e tamén de entrega de credenciais no Camiño».

Entre xaneiro e setembro, contabilizáronse máis de 117.000 viaxeiros e 254.000 pernoctacións en aloxamentos da Costa da Morte, segundo datos de Turismo de Galicia, dos cales máis do 22% foron turistas internacionais. Uns viaxeiros que, segundo Picallo Santos, cada vez son máis e «gastan entre 150 e 160 euros/día, unha cifra moi superior ao viaxeiro nacional, que se sitúa nuns 60 €».

A instalación de sensores no Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía permitiu ademais obter en 2025 os primeiros datos oficiais do fluxo de peregrinos. Só nos meses de agosto e setembro contabilizáronse máis de 23.000, acadándose promedios diarios de ata 400 camiñantes diarios.

O presidente da Asociación de Profesional do Sector Turístico da Costa da Morte (APTCM), Pepe Formoso, subliña que «os números de 2025 reflexan un crecemento sostido» e así o constata tamén o feito de que «cada vez hai máis establecementos turísticos». Nos últimos dez anos, engade, dende a creación do xeodestino «pasamos de traballar por libre a crear unha rede que involucra ao sector privado e ás administracións (Xunta, Deputación, concellos, GALP) e nos dá identidade como comarca».

Boas previsións para 2026

De cara a este ano, véspera de Ano Xacobeo, as expectivas do sector son tamén optimistas. As estatísticas din que en anos coma este «vén máis xente», subliña Formoso. E así o constatan tamén «os operadores, que nos están dicindo que as reservas en orixe xa están sendo altas», afirma Jesús Picallo.

O vicepresidente do Clúster de Turismo e tamén presidente de Solpor, a Asociación de Empresarios do Camiño de Fisterra-Muxía, sinala que «nos consta que hai bastantes reservas de grupos grandes, como un de 90 persoas que visitará a Costa da Morte na última semana de marzo».

Para Jesús Picallo, o auxe que está a experimentar Costa da Morte como xeodestino turístico está xustificado tamén pola «decidida aposta do sector por unha oferta de calidade. Temos establecementos con Q de calidade, hoteis con encanto, restaurantes con estrelas Michelín e Soles Repsol».

A iso hai que engadir «o moito que ofrece a Costa da Morte: patrimonio histórico e natural, destino Starlight, Camiño xacobeo, gastronomía.... O xeodestino brinda experiencias diferentes e a prezos contidos, e o sector pon o cariño necesario para que a xente as desfrute e marche cun sorriso».

Pepe Formoso: «O 2026 será o da reafirmación do Camiño a Fisterra»

O presidente de APTCM, Pepe Formoso, agarda que este ano sexa o da «reafirmación» do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía, «xa que a instalación dos sensores permite que agora teñamos datos oficiais dos peregrinos e iso porá a esta ruta no lugar que lle corresponde»

Asegura que os primeiros rexistros recollidos cifran en 28.000 os peregrinos que viñeron a Fisterra e Muxía entre agosto e outubro, «e istas cifras confirman que somos unha meta xacobea e que esta prolongación posiciónase como o segundo ou terceiro Camiño, en canto ao número de peregrinos». Até agora, as únicas estatísticas oficiais eran as que contabilizaban as chegadas de camiñantes a Santiago dende Fisterra e Muxía, que son mínimas (unhas 2.000).

Formoso agarda que 2026 sexa tamén «o da consolidación da unión do sector turístico, e de este coas administracións públicas, pois este traballo conxunto é fundamental». Os turistas e os peregrinos, engade, «disfrutan do noso territorio, pero para iso ten que estar ben coidado e temos que involucrarnos todos».

Opresidente de APTCM subliña que Costa da Morte é un xeodestino que «ten moito que ofrecer, pero ese exceso de recursos fai máis difícil crear un único relato, e iso temos que lograr crealo entre todos». Nesa dirección segue traballando o sector que, un ano máis, acudirá a Fitur, en Madrid, da man da Xunta e Deputación, para promocionar un «destino único».

Tracking Pixel Contents