Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

SERVIZOS

Ponteceso habilita un aparcadoiro gratuíto na avenida Anllóns

O Concello pretende implantar a zona azul no casco urbano

As obras de habilitación do aparcamento conlevan a demolición dunha casa.

As obras de habilitación do aparcamento conlevan a demolición dunha casa. / Cedida

Ponteceso

O Concello de Ponteceso segue ampliando as zonas de estacionamento no núcleo urbano. Neste contexto, iniciou as actuacións para habilitar unha nova área de aparcadoiro na avenida Anllóns, unha intervención orientada a mellorar a mobilidade e dar resposta á demanda existente nesta zona.

Así o confirmou o alcalde, José Manuel Mato, quen destacou a importancia desta actuación para "ampliar os servizos dispoñibles para a veciñanza e contribuír á dinamización do tecido económico local".

As obras comezan tras o acordo alcanzado entre o Concello e o propietario da parcela, que cedeu o terreo para este fin. O rexedor quixo agradecer a colaboración deste veciño, cualificándoa de "esencial para facer realidade este novo aparcadoiro ao servizo da cidadanía".

Rotación de vehículos

A posta en funcionamento deste novo espazo permitirá iniciar a implantación da zona azul no municipio, ao contar cunha área de estacionamento de carácter xeral que garante alternativas suficientes para residentes e usuarios habituais.

A zona azul terá como obxectivo "favorecer a rotación de vehículos e compatibilizar o estacionamento dos residentes coa mobilidade dos visitantes", explicou o alcalde.

Do mesmo xeito que noutros puntos do termo municipal, o estacionamento será gratuíto, sendo necesario que os condutores empreguen un disco de control horario ou calquera outro sistema no que quede reflectida a hora de chegada do vehículo.

Tracking Pixel Contents