Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

ENTIDADES SOCIAIS

Un paso máis cara unha inclusión real dende Carballo

Unha agrupación de 170 familias promove actividades para nenos con necesidades específicas

Directivos de Un paso máis e familias nunha das sesións de cine inclusivo.

Directivos de Un paso máis e familias nunha das sesións de cine inclusivo. / Cedida

Carballo

«Costa que che entendan e as solucións que nos dan, a maioría das veces, non serven». Esta é, segundo Valentín Costa, unha das barreiras que a agrupación Un paso máis, de Carballo, tenta derrubar para que os nenos e nenas con necesidades específicas poidan desfrutar do deporte e de actividades sociais que non atopan nos espazos convencionais.

Participantes nunha sesión de surf na praia carballesa de Razo.

Participantes nunha sesión de surf na praia carballesa de Razo. / Cedida

O colectivo agrupa unhas 170 familias de toda Galicia e, dende a súa constitución en 2014, promove actividades «sen límites» porque aínda que hai administracións que «programan e ofertan actividades inclusivas, sempre hai un pero e non son reais», afirma Valentín. «A única limitación nas nosas actividades é o número de prazas, por cuestións orzamentarias e porque é preciso traballar con ratios pequenas para garantir a asistencia necesaria», engade.

Tres eixos de actuación

O fomento de actividades deportivas é un dos principais piares da agrupación. Crearon un circuíto de deporte adaptado que levan aos colexios que o piden, e que inclúe modalidades como voleibol sentado, baloncesto en cadeira de rodas ou fútbol para cegos. Outras das actividades que está a ter moi boa acollida son o surf e os campamentos de conciliación.

Tamén promoven programas de respiro familiar, que levaron ás familias a Manzaneda e ás Illas Cíes; cine inclusivo, xadrez educativo, hípica e actividades deportivas na piscina.

Asesoramento e formación

Outro dos piares da entidade é o apoio ás familias «ás que axudamos brindándolles asesoramento admistrativo, psicolóxico e terapéutico», subliña Valentín Costa. A maiores, Un paso máis aposta por involucrar aos docentes «e, alomenos unha vez ao ano, organizamos xornadas formativas con especialistas de recoñecido prestixio, que teñen unha gran repercusión e acollida», engade.

Un arduo labor que desenvolven «de xeito altruísta e voluntario» os membros da agrupación e moitos colaboradores. Unha delas é «unha moza de 20 anos que no seu día foi usuaria das nosas actividades e hoxe é unha voluntaria que fai un gran labor porque entende aos nenos mellor que ninguén», afirma Costa. «Só contratamos as actividades, xa que precisan de técnicos e monitores especializados», engade.

As sesións de surf teñen son unha das actividades máis demandas.

As sesións de surf teñen son unha das actividades máis demandas. / Cedida

O obxectivo da agrupación «é seguir brindando apoio ás familias» e avanzar na concienciación das administracións e tamén do sector privado, «pois é difícil conseguir financiación máis aló das axudas públicas».

Non obstante, algúns pasos xa se van dando. Así, «o Concello de Carballo organizou unha recepción e una festa de Entroido específica para nós, con música a baixo volume, e tamén unha proba adaptada con motivo da celebración da Carreira 10 K; a Universidade Vigo colaborou cunha ludoteca e a Deputación apoiános co programa de surf», subliña Valentín Costa Trillo.

A agrupación renovou a directiva no ano 2024, que integran seis persoas e preside Banesa Martínez Rodríguez.

Tracking Pixel Contents