Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

TURISMO

Augas excelentes nas praias de Costa da Morte e Barbanza e un só suspenso

A de Lires, en Cee, segue coa cualificación de «insuficiente», igual que as fluviais de Melide e Trazo

Unha das cinco praias de Carballo que contan con augas "excelentes".

Unha das cinco praias de Carballo que contan con augas "excelentes". / C. C.

Fisterra

A maioría das augas de baño das praias de Costa da Morte e Barbanza manteñen a cualificación de «excelente» na temporada 2026, segundo o censo da Dirección Xeral de Saúde Pública. Só catro se quedaron coa cualificación «boa»: Peralto (Boiro), Quenxe (Corcubión), O Cabo (Muros) e A Ermida (Ponteceso), e a única que non superou os controis é a de Lires (Cee), cualificada como «insuficiente».

Unha cualificación que, segundo a alcaldesa, Margarita Lamela, se debe «a dous feitos puntuais, por un problema de mortandade de troitas na piscifactoría; pero todas as demais mostras do ano foron positivas». Por iso considera que é «unha inxustiza» e xa contactou coa Xunta «para que se revise a decisión e non se exclúa Lires dos controis de baño, dado que o Concello renovou a depuradora, e a piscifactoría tamén fixo investimentos importantes, e non é un problema de saneamento».

Muros é o concello con máis zonas de baño de calidade «excelente», cun total de 21 praias, seguido de Porto do Son (18), Ribeira (17), Carnota (11), Boiro (10), Camariñas (8), Muxía (6), A Pobra do Caramiñal (6), Carballo (5), Laxe (5), Fisterra (4), Ponteceso (4), Rianxo (3), A Laracha (2), Cee (2), Malpica de Bergantiños (2), Noia (2), Cabana (1), Corcubión (1), Dumbría (1) e Outes (1).

Pola contra, as augas das praias fluviais do cinto de Compostela non gozan de tan boa saúde. Así, só as dúas do concello do Pino (A Tarroeira dereita e esquerda), no río Tambre, acadan unha cualificación de «boa», mentres que a de Seira, do río Rois, en Rois, quedáse cunha nota de «suficiente».

Suspenden, pola súa banda, as zonas de baño no río Furelos, en Melide, e a de Chaián, no río Tambre, en Trazo.

Certificados ISO e EMAS

En Carballo, non só a calidade das augas é excelente, senón que as súas praias veñen renovando ano tras ano os distintivos Bandeira Azul e Sendeiro Azul. Ademais, o concello carballés «é o único da Costa da Morte e dos poucos de Galicia que conta cos certificados ISO 14001 e EMAS (Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría), que implican un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua do areal e dos servizos», segundo a Concellería de Praias, que dirixe Miguel Ángel Vales.

A maiores, o Concello investiu 111.383,40 euros na renovación das pasarelas de madeira dos accesos ás praias de Razo e Pedra do Sal, así como a do miradoiro de Razo.

O próximo verán contarán ademais con pasarelas que se poderán enrolar, tamén de madeira, «ofrecendo flexibilidade, adaptabilidade ao terreo irregular e facilidade de uso, ademais de proporcionar un acceso seguro e cómodo, e de ser fáciles de instalar e de almacenar», subliñan.

Tracking Pixel Contents