Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

TURISMO

'Costa da Morte: onde a terra fala e o ceo responde', en Fitur

O xeodestino convidará a percorrer os lugares clave do territorio

Representantes da Xunta, Deputación e concellos de Costa da Morte en Fitur 2025.

Representantes da Xunta, Deputación e concellos de Costa da Morte en Fitur 2025. / Cedida

Fisterra

A Costa da Morte estará presente na Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur) para reforzar o seu posicionamento como un destino con voz propia.

O ente xestor do xeodestino, Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), presentará o día 22 a campaña Costa da Morte: onde a terra fala e o ceo responde, un lema que resume a esencia do territorio e a súa maneira única de relacionarse coa paisaxe, a cultura e a experiencia turística.

A campaña nace da convicción de que «a Costa da Morte é moito máis que un destino: é identidade, é carácter, é memoria viva. Un territorio onde o mar, a terra, o vento, o silencio e a luz dialogan constantemente con quen o habita e con quen o visita. Un lugar onde as experiencias non se constrúen de maneira artificial, senón que xorden da autenticidade do propio territorio», subliñan.

A CMAT aposta por proxectar un modelo de destino coherente: «un territorio vivo, habitado e con cultura propia, onde a paisaxe non se decora, as tradicións non se representan, e a hospitalidade non se forza. Apostase por un turismo respectuoso, sostible e profundamente conectado coas persoas que constrúen día a día a identidade do territorio».

A campaña destaca os elementos estratéxicos como destino: a súa natureza en estado puro, a herdanza histórica e riqueza patrimonial e arqueolóxica, e a gastronomía auténtica, baseada nos produtos do mar e da terra, elaborados segundo receitas tradicionais.

Beleza e identidade

Ademais, o vídeo que se presentará en Fitur recorre lugares clave do territorio mostrando de forma visual e emocional a beleza e identidade da Costa da Morte, ao tempo que recolle as voces dos seus veciños: os xornalistas Josiño Mira e Fran Rodríguez; Tania, técnica de cultura de Zas; e Virxina, da Asociación de Astroturismo da Costa da Morte, «que transmiten con naturalidade e desde a autenticidade o que este lugar é e significa».

A presenza en Madrid servirá tamén para reforzar o traballo conxunto con institucións que apoian este modelo de desenvolvemento turístico. A CMAT quere poñer en valor «o apoio continuado de Turismo de Galicia e da Deputación da Coruña, que acompañaron o proxecto desde os seus inicios e compartiron a visión de construír un destino baseado na calidade, na sostibilidade e na identidade».

Boas prácticas

Os directivos e técnicos da CMAT manterán encontros con outros destinos, entidades e empresas do sector que favorezan o intercambio de boas prácticas e o coñecemento de novas ideas e enfoques que poidan aplicarse e adaptarse ao territorio.

Tracking Pixel Contents