Ames minimiza o impacto dos cortes de auga no Milladoiro
A empresa municipal de augas investiu 115.500 euros en mellorar as infraestruturas hidráulicas na principal urbe do Concello
O próximo gran paso será desconectar a parroquia da rede de abastecemento de Santiago para aforrar preto de 40.000 euros ao mes

Un dos tramos do Milladoiro durante as obras. / Cedida
O Concello de Ames, a través de Augas de Ames, realizou ao longo do ano 2025 un investimento total de 393.082,34 euros en actuacións de mellora das redes de saneamento, drenaxe pluvial e abastecemento de auga no núcleo do Milladoiro e no conxunto do concello amesán. Estas intervencións tiveron como obxectivo reforzar a calidade, a seguridade e a fiabilidade dos servizos básicos relacionados co ciclo integral da auga.
Na parroquia do Milladoiro executáronse obras por valor de 115.500 euros, realizadas directamente con persoal propio da firma municipal. Entre as actuacións máis destacadas atópanse a corrección das conexións incorrectas de baixantes pluviais, a renovación de tramos da rede de saneamento deteriorados, melloras na rede de abastecemento mediante a instalación de novas válvulas e cruces de rede, así como a colocación de novas bocas de rega na zona humanizada da N-550. Estas actuacións permitiron reducir o risco de inundacións, optimizar o funcionamento das redes e facilitar o mantemento dos espazos públicos.
O alcalde de Ames e presidente da empresa pública, Blas García, sinalou que a EPEL "naceu para isto, para reinvestir o beneficio da prestación do servizo da auga no propio concello", e engadiu ademais que, este importe que Augas de Ames vén de destinar a estas actuacións "sería parte do beneficio dunha empresa privada se non houbésemos municipalizado esta prestación".
O rexedor adiantou que "a seguinte gran actuación a levar a cabo é a desconexión do Milladoiro da rede de abastecemento de Santiago e conectala á de Ames, o que nos permitirá aforrar arredor de 40.000 euros ao mes”.
Control ante incidencias
No mesmo senso o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explicou que estas actuacións suporán unha mellora importante para o núcleo máis grande do concello pois “coa instalación antiga, ante calquera incidencia era necesario cortar a auga en todo O Milladoiro; agora somos capaces de sectorizar a rede, minimizar o impacto e reducir de xeito significativo as molestias á veciñanza”.
Durante o ano 2025 leváronse a cabo reparacións e substitucións de colectores de saneamento e pluviais, instalación de novos sumidoiros e melloras na drenaxe urbana en distintos puntos do termo municipal.
Dende Augas de Ames, a xerente Genma Otero destacou que “este investimento supón unha actuación estratéxica que contribúe a consolidar un sistema de saneamento e abastecemento máis eficiente, sostible e preparado para dar resposta ás necesidades actuais e futuras do municipio de Ames”.
- Santiago despide a Pepe del Latino, un referente de la hostelería en el Ensanche
- La huelga de buses se reactiva el miércoles de forma indefinida en Santiago
- La borrasca Marta llega a Galicia para golpearla con más nieve, viento y un mar embravecido
- Voto de confianza al alcalde de Negreira para arreglar los ruinosos molinos de A Ponte Maceira
- Ganadera en Melide e 'influencer' del rural: «A mi padre le decían: 'Qué pena que no sea un chaval para poder conducir el tractor'»
- La CIG convoca asambleas para decidir cuándo reiniciar la huelga de autobuses en Santiago
- Estos son los ocho restaurantes de Santiago con la mejor relación calidad-precio
- La pensión alcanza, pero no sobra: «Un matrimonio de 70 años en Galicia no puede vivir con 900 euros al mes»