Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Malpica, Laxe, Cabana e Ponteceso rexistran unha queixa común ante Movistar polos continuos cortes

Advirten que, ademais da afectación para particulares, negocios e centros públicos, dificúltase o cumprimento dos prazos administrativos

Imaxe de arquivo de antenas de telefonía móbil no Picoto, en Val do Dubra.

Imaxe de arquivo de antenas de telefonía móbil no Picoto, en Val do Dubra. / L.N.F.

Malpica

Os concellos de Malpica de Bergantiños, Laxe, Cabana de Bergantiños e Ponteceso rexistraron unha queixa formal conxunta ante a compañía Movistar–Telefónica polos «reiterados cortes» no servizo de Internet e telefonía fixa que se veñen producindo desde hai varios meses.

Estas interrupcións están a afectar á veciñanza, ao tecido económico local e ao normal funcionamento das administracións municipais, dificultando a atención á cidadanía e o cumprimento de prazos administrativos.

Desde o Concello malpicán alegan ao respecto que durante os dous últimos meses os clientes de dita empresa, non así os que pertencen a compañías que usan a liña principal de Movistar, sufriron varios cortes «inxustificados» que dificultan certas actividades do seu día a día.

Vivendas particulares, negocios, o centro médico, o centro de de día, os colexios... Son moitos os afectados por esta problemática que está a producirse nas catro localidades citadas, que forman parte da comarca de Bergantiños.

Trátase de situacións que tamén afectan seriamente á actividade das administracións locais, «poñendo en perigo os prazos administrativos e obstaculizando a labor dos traballadores municipais que precisan dos servizos contratados para realizar as súas tarefas habituais», explican dende o Goberno local de Malpica.

Os catro concellos que interpuxeron esta queixa formal solicitan á mencionada compañía telefónica que resolvan de forma definitiva estes problemas técnicos que impiden prestar un servizo de calidade aos clientes, ao consideralo «unha falta de respecto e de profesionalidade».

Ao longo desta semana foron tres os cortes prolongados que se produciron no servizo, polo que os alcaldes dos catro concellos califican de neglixente a actitude da compañía Movistar.

Tracking Pixel Contents