Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Oito concellos apuntalan o futuro do Entroido da Ulla, que tira de canteira

Silleda acolleu a presentación desta cita BIC, na que os protagonistas foron mozos e mozas da Escola de Xenerais

A programación comezará o vindeiro sábado 24 en Vedra

Mozos e mozas da Escola de Xenerais da Bandeira protagonizaron a presentación do Entroido.

Mozos e mozas da Escola de Xenerais da Bandeira protagonizaron a presentación do Entroido. / Cedida

Silleda

O auditorio municipal Manuel Dopazo da Bandeira (Silleda), acolleu este sábado a presentación do Entroido dos Xenerais da Ulla, recoñecido como Ben de Interese Cultural, á que asistiron representantes dos oito concellos da comarca que comparten esta tradición: A Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces.

Este ano, o Entroido da Ulla pon o foco nun eixo fundamental para o futuro da festa: a canteira.

E foron precisamente os mozos e mozas da Escola de Xenerais da Bandeira, onde se sementa o relevo xeracional e se garante que esta tradición siga viva, os protagonistas da presentación, escenificando un Alto de Xenerais ante as autoridades asistentes, entre as que se atopaban os alcaldes de Vila de Cruces (Luis Celso Taboada), Boqueixón (Ovidio Rodeiro) e Touro (Jesús Reboredo); a alcaldesa de Silleda (Paula Fernández) e concelleiros e concelleiras dos outros catro concellos, así como o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

O representante da Xunta destacou a importancia desta tradición e falou das orixes da mesma.

A rexedora silledense, Paula Fernández, destacou o gran traballo dos trinta colectivos destes 8 concellos que organizan os actos.

O cartel deste ano é obra do muralista Diego As. A programación comezará o vindeiro sábado 24 de xaneiro, a partir das 18.30 horas, no campo da festa de San Miguel de Sarandón, en Vedra, cos Altos ou Atranques dos Xenerais da Ulla, e rematará o 22 de febreiro, Domingo de Piñata, co Desfile Intermunicipal (ao mediodía) e os Altos ou Atranques dos Xenerais da Ulla (ás 14.00 horas), dentro da Festa da Filloa, en Lestedo (Boqueixón), e os Altos ou Atranques nas inmediacións do local multiúsos de Trobe, en Vedra, a partir das sete da tarde.

Tracking Pixel Contents