Uns 200 animais reciben bendición en Noicela no día de San Antón Abade
O artista Santi Luaces doou á parroquia carballesa un cadro dedicado ao santo

O sancristán Pablo Varela, coa súa cadela Rubí e o cadro doado por Santi Luaces. / Cedida
A tradicional bendición de animais de San Antón Abade, de Noicela (Carballo), revive con forza despois de décadas no olvido. Onte celebrouse por cuarto ano despois de que fose recuperada, a instancias do sancristán Pablo Varela. «Non sei dicir unha cifra, pero rondaría os 200 animais. A igrexa estaba chea e veu xente da Laracha, Carballo, A Coruña ou Sada», dixo.
«Este ano a gran maioría eran cans», sinalou Varela, quen amosou a súa satisfacción porque «a tradición volve estar consolidada na nosa parroquia, e é moi bo recuperar un sinal de identidade do noso pobo».
O párroco Manuel Carrera animou os fieis a coidar e amar os animais como o facía San Antón Abade. A parroquia estreou un cadro dedicado a este santo, obra de Santi Luaces, veciño de Lemaio, quen doou a súa obra, que ten detrás unha singular historia.
«A principios do século XX a igrexa ardeu, e perdéronse o retablo e as imaxes. A parroquia conseguiu que se fixera un novo, pero como os fondos eran limitados, e había unha imaxe de San Antonio de Padua, decidiron non facer a de San Antón Abade», dixo Varela.
A idea era levar a obra en procesión, pero a choiva impediuno. A comisión entregou aos asistentes uns dispensadores de bolsas doados polo Concello.
Á cita acudiron membros de O Legado de Max, a protectora que se fai cargo das mascotas abandonadas no municipio.