Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

SERVIZOS

Trescentas sinaturas para reclamar a reapertura da oficina de Abanca en Baíñas

O BNG propón dúas alternativas a representantes da entidade bancaria

Lorena Suárez e Benxamín Queiro diante da oficina de Abanca, en Vimianzo.

Lorena Suárez e Benxamín Queiro diante da oficina de Abanca, en Vimianzo. / BNG

Vimianzo

Oito meses despois da primeira xuntanza, os concelleiros do BNG de Vimianzo, Benxamín Queiro e Lorena Suárez, reuníronse de novo con representantes de Abanca para avanzar na procura dunha solución ao peche da oficina de Baíñas.

A reunión, solicitada polos nacionalistas, "serviu para reiterar a urxencia de atender os prexuízos que o peche está a provocar na veciñanza e no desenvolvemento socioeconómico da parroquia", afirman.

Os concelleiros acompañaron as súas demandas de máis de 300 sinaturas recollidas exclusivamente en Baíñas, reforzando a demanda da comunidade local. No documento presentado, o BNG propón dúas alternativas concretas: a reapertura da oficina dous días á semana durante dúas horas, e a visita dunha unidade móbil bancaria á localidade dous días á semana.

Desde a formación nacionalista subliñaron que "ambas opcións son plenamente viables, xa que outras entidades bancarias prestan servizo na parroquia mediante xornadas discontinuas". Así mesmo, salientaron o importante volume de empresas e explotacións gandeiras existentes na zona, que manexan un capital significativo e requiren servizos bancarios presenciais.

O BNG de Vimianzo insiste en que "non cesará no seu empeño por garantir un servizo bancario digno, lembrando que o envellecemento poboacional fai imprescindible a atención presencial, especialmente para as persoas maiores ou con dificultades para realizar trámites dixitais".

Cómpre lembrar que a oficina de Abanca de Baíñas pechou no ano 2021 e, actualmente, os usuarios unicamente dispoñen de servizo de caixeiro automático.

Tracking Pixel Contents