Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

TEATRO

O FIOT retoma a estrea de ‘Territorio Regueifa’

A cita é o 6 de febreiro no Pazo da Cultura de Carballo

Manolo Maseda, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira son os protagonistas.

Manolo Maseda, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira son os protagonistas. / Vanessa Rabade

Carballo

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), de Carballo, retoma a estrea absoluta do espectáculo Territorio Regueifa, que terá lugar no Pazo da Cultura o día 6, ás 21.00 horas.

A peza é unha coprodución do FIOT xunto a Ainé Producións e o Centro Dramático Galego, dirixida por José L. Prieto e protagonizada por Manolo Maseda, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira.

Un espectáculo que quere levar a maxia da improvisación oral a novos públicos, consolidando a regueifa como un patrimonio vivo, capaz de unir humor, emoción e coñecemento nun espectáculo participativo e festivo,

As entradas están xa dispoñibles en Ataquilla: https://entradas.ataquilla.com/es/ventaentradas/teatro/62-auditorio-pazo-da-cultura-de-carballo/x3ak7rgq-aine-producions-territorio-regueifa

Retranca e música

Combinando o xeito de regueifar, a retranca e a música cos códigos do teatro de proximidade, tres recoñecidos regueifeiros e músicos traen á escena unha forma de humor e crítica social, achegando ao público de hoxe a historia, o oficio, e o mundo desta ancestral expresión cultural.

Carballo e Bergantiños son recoñecidas pola riqueza do seu patrimonio cultural inmaterial e, en particular, do oral, que forma parte da súa identidade. A regueifa mantense viva cos regueifeiros tradicionais e con proxectos de revitalización.

O FIOT non quere ser alleo a explorar este Territorio Regueifa, unha inédita e ambiciosa proposta escénica que pon en valor este xénero artístico que consiste en manter unha disputa dialéctica improvisada en verso entre varios participantes e que está en consonancia co lema desta edición do FIOT, a raíz como orixe da identidade propia e colectiva.

Tracking Pixel Contents