Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

FITUR

Fisterra, meta do cicloturismo europeo

O alcalde reuniuse co presidente da Federación Española de Fútbol

O alcalde, Luis Insua, presentando o proxecto EuroVelo en Fitur.

O alcalde, Luis Insua, presentando o proxecto EuroVelo en Fitur. / Cedida

Fisterra

O Concello de Fisterra, da man do seu alcalde, Luis Insua, presentouse en Fitur como municipio referente do cicloturismo europeo, logo de sumarse ao proxecto internacional EuroVelo.

Trátase dunha rede de rutas ciclistas de longa distancia que conecta toda Europa a través de 42 países. Dúas das dezasete etapas de EuroVelo rematan en Fisterra: EuroVelo 1 - Atlantic Coast Route, e EuroVelo 3 - Pilgrims Route, as cales xa están sinalizadas.

É un proxecto transversal e innovador que fomenta a actividade deportiva e o ecoturismo, "e que confirma Fisterra como destino turístico europeo, apostando por un turismo de calidade", subliña o rexedor.

"Abrimos unha nova e interesante oportunidade para que o turismo coñeza un dos lugares máis senlleiros de Europa, o noso Cabo Fisterra: quilómetro 0 do Camiño", engadiu.

Insua destacou ademais os valores "paisaxísticos, culturais e a aposta pola sostibilidade do concello". Estivo acompañado polo director xeral de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, quen puxo en valor o cicloturismo "como unha oportunidade clave para dinamizar o territorio e atraer un turismo responsable".

Reunión con Rafael Louzán

O alcalde de Fisterra, Luis Insua, aproveitou a viaxe institucional a Fitur, para reunirse tamén co presidente da Real Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán Abal.

Rafael Louzán e Luis Insua na sede da Real Federación Española de Fútbol.

Rafael Louzán e Luis Insua na sede da Real Federación Española de Fútbol. / Cedida

Solicitoulle asesoramento sobre a proxección do campo de fútbol Arasolis, de Fisterra, "co obxectivo de mellorar as infraestruturas municipais e seguir impulsando o deporte base", afirma o rexedor.

O encontro, engade Insua, "enmárcase na estratexia do Concello de aproveitar foros estatais, como Fitur, para establecer sinerxías institucionais que permitan xerar oportunidades e avanzar no desenvolvemento deportivo e social do municipio".

Tracking Pixel Contents