Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

ACTO

Homenaxe en Mazaricos aos veciños que defenderon os montes comunais en 1963

Familiares e lugareños lembraron a Che de Pedro e aos represaliados polo franquismo

O delegado do Goberno e o alcalde, á dereita, no acto celebrado en Eirón.

O delegado do Goberno e o alcalde, á dereita, no acto celebrado en Eirón. / D. G.

Mazaricos

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, participou no Día da Loita Veciñal na parroquia de Eirón, en Mazaricos. Un acto no que se lembrou a José Esperante París, Che de Pedro, e outros represaliados polo franquismo, como Marcelino Esperante Antelo e Andrés Alvite Santos, durante a loita contra a usurpación dos montes veciñais no ano 1963.

Blanco reivindicou a memoria democrática como «un piar esencial da nosa democracia e unha ferramenta para defender a terra, o común e a dignidade das persoas».

Acompañado polo alcalde, Juan José Blanco, e o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, puxo en valor unha iniciativa «que recoñece unha loita colectiva que segue plenamente vixente fronte aos intentos de banalizar a ditadura e cuestionar os dereitos conquistados».

Violencia franquista

Evocou o asasinato de José Esperante París, coñecido como Che de Pedro, hai 63 anos, por defender o monte veciñal. «Foi unha vítima dun réxime que non toleraba a organización comunitaria nin a dignidade do rural galego», sinalou Blanco, lembrando tamén ás persoas feridas, detidas e represaliadas, así como ás familias marcadas para sempre pola violencia franquista.

Subliñou que o recente recoñecemento e reparación persoal e da súa memoria polo Goberno, supón «un acto de xustiza, un deber moral e un compromiso claro de non repetición». Advertiu de que a democracia non se defende só nas urnas, senón tamén «na reparación e no recoñecemento das vítimas».

Así mesmo, puxo en valor o papel do Instituto Galego de Terras Comunitarias (INGATECO) por manter viva a lembranza e por defender o monte veciñal en man común, o territorio e a comunidade. «A loita dos comuneiros foi unha loita pola dignidade, pola xustiza e pola liberdade, e segue sendo unha referencia imprescindible para facer fronte aos autoritarismos e a calquera retroceso democrático», concluíu.

Xustiza e dignidade

O local social de Eirón foi un punto de encontro de memoria, xustiza e dignidade. O acto estivo organizado polo Instituto Galego de Terras Comunitarias, coa colaboración da Organización Galega de Comunidades de Montes e o Concello de Mazaricos.

O profesor da Facultade de Xeografía e Historia da USC Eduardo Rico Boquete impartiu o relatorio Repoboacións forestais e conflictividade social na ditadura franquista, e posteriormente, os asistentes desprazáronnse ata a Braña da Gatiñeira, nos Montes de Eirón, onde, renderon homenaxe e fixeron unha ofrenda floral diante do monumento a Che de Pedro. Lembraron a todas as persoas represaliadas por defender as terras veciñais. A artista local Yas Deluaces amenizou o acto coa interpretará o Himno Galego.

Tracking Pixel Contents