Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

'Falarmos...Nós': O novo grupo de conversa en galego que chega a Arzúa

Este proxecto é impulsado pola Área de Lingua da Deputación da Coruña en colaboración cos concellos

Arrancará en febreiro e reunirase todos os luns, de 11.00 a 12.00 horas, na Casa de Correos

Desde a esquerda, Laura Gil, responsable do Departamento de Normalización Lingüística, e a concelleira Lucía López.

Desde a esquerda, Laura Gil, responsable do Departamento de Normalización Lingüística, e a concelleira Lucía López. / Cedida

Arzúa

Arzúa porá en marcha no mes de febreiro un novo grupo de conversa en galego dentro do proxecto Falarmos…Nós, unha iniciativa impulsada pola Área de Lingua da Deputación da Coruña en colaboración cos Concellos, para fomentar o uso oral da lingua galega no día a día e crear unha rede de espazos de encontro arredor da lingua.

O grupo comezará a funcionar en febreiro e reunirase todos os luns, de 11.00 a 12.00 horas, na Casa de Correos. Trátase dun espazo aberto a persoas de todas as idades que queiran practicar galego nun ambiente distendido, participativo e sen xuízos, independentemente do seu nivel.

Neste sentido, a concelleira de Normalización Lingüística, Lucía López, sinala que “hai unha parte da poboación con interese en falar galego que non o fai por falta de confianza. Falarmos…Nós nace para ofrecer un espazo amable, afastado do enfoque académico, onde a conversa e a práctica cotiá axuden a estas persoas a gañar seguridade na competencia lingüística en galego, desterrar prexuízos sobre a nosa lingua e contribuír, así, á súa plena normalización a todos os niveis”.

Coa conversa como ferramenta principal para a aprendizaxe do galego, a edil arzúa explica que “a través destes grupos, búscase normalizar o uso da lingua e crear conciencia da importancia de falala no día a día, así como da súa presenza en todos os ámbitos sociais para mantela viva".

As persoas interesadas en participar poden obter máis información e inscribirse persoalmente na oficina do Servizo de Normalización Lingüística, situada na Casa do Concello, ou contactando no 981 500 000 ext. 171.

Tracking Pixel Contents