Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

MAR

As rulas de Barbanza-Costa da Morte comercializan o 53% do ourizo galego

Aguiño e Malpica son os portos que lideran as vendas

Momento dunha poxa de ourizos na lonxa de Aguiño.

Momento dunha poxa de ourizos na lonxa de Aguiño. / Suso Souto

Malpica

O ourizo consolídase como unha das especies que xera máis ingresos nos portos galegos e, especialmente en Barbanza e Costa da Morte. As lonxas destas comarcas comercializaron en 2025 máis de 273.300 quilos, o que equivale a máis do 53% das vendas en Galicia.

A rula de Aguiño, con case 60.000 quilos, lidera a comercialización do ourizo, seguida da lonxa de Malpica, que no ano pasado poxou máis de 46.200 kg. O porto de Lira (Carnota) situouse no terceiro lugar con 41.226 quilos, e o de Ribeira, con 25.5487 kg, foi o cuarto en vendas de esta especie, segundo os datos de Pesca de Galicia.

Máis de 6,5 M€ en Galicia

O total de ingresos xerados polo ourizo o pasado ano ascenderon a 6,5 M€ en Galicia, situándose o prezo medio en 12,96 €/kg. A rula de Aguiño ingresou por esta especie máis de 691.000 euros, e a de Malpica rondou os 550.000 €.

Na Costa da Morte, as confrarías de Malpica, Laxe, Corme, Camariñas, Camelle e Muxía, que comparten plan de explotación do ourizo, comezaron a principios de xaneiro unha nova campaña, na que se reduciu o tope de capturas de 50 a 40 kilos diarios, segundo confirmou o patrón maior malpicán, Pedro Pérez.

«Os obxectivos son respectar o recurso e conservalo por moitos anos, algo que fomentamos dende a confraría con todas as especies, e tentar igualar ou superar os ingresos, pois esta é unha especie cunha alta demanda e iso repercute na súa cotización», afirmou.

Cotización media: 12 €/kg

Pedro Pérez lembra que anos atrás a cotización media do ourizo era de entre 2 e 4 euros por quilo, «e hoxe é de doce euros», dado o aumento da demanda desta especie, «que é un plus importante para confrarías como a nosa».

O mercado do ourizo hoxe en día vais máis aló das nosas fronteiras, pois ademais de comercializarse en toda Galicia e no resto de España, «tamén se vende a outros países, como Francia ou Italia», afirmou o patrón malpicán.

Os mellores ourizos, e polo tanto os máis cotizados, «teñen como principal destino o consumo fresco, e o máis barato vai principalmente para a industria conserveira», subliña Pedro Pérez.

Os temporais non dan tregua

Por outra banda, o patrón maior de Malpica lamenta que o comezo do 2026 non esté sendo todo o fructífero que desexaría o sector debido á sucesión de temporais «que obrigaron a mariscadores e moitos barcos a permanecer amarrados a porto, agás dous días».

Unha inactividade que se reflexa tamén nas lonxas. Así, nos 25 primeiros días de xaneiro as vendas de peixe e marisco caeron un 35% e a facturación un 32% respecto ao mesmo periodo de 2025. Segundo os rexistros de Pesca de Galicia no que vai de xaneiro as lonxas galegas comercializaron 2,26 millóns de quilos e ingresaron 14,5 M€, cifras que contrastan cos máis de 3,4 millóns de quilos vendidos e os 21,4 M€ de facturación do mesmo mes do ano pasado.

Tracking Pixel Contents