INICIATIVA
O galego, unha vía de integración social en Carballo
Daniel Peñaloza, venezolano: «a lingua axuda a entender o lugar no que vives»

O alcalde cos participantes no último curso de acollemento lingüístico. / C. C.
O Concello de Carballo continúa a apostar polo galego como elemento clave de integración social a través dos cursos de acollemento lingüístico e do programa Elos Carballo, unha iniciativa de parellas lingüísticas que xa está en funcionamento e aberta á incorporación de novas persoas.
Elos Carballo nace como continuidade natural dos cursos de acollemento, que puxeron de manifesto que, máis alá da aprendizaxe da nosa lingua, contribúen a crear vínculos e fomentan a integración social. Con esta iniciativa créase un espazo de encontro no que persoas que queren aprender ou practicar galego poden facelo a través da conversa e da relación persoal, nun ambiente distendido. A proposta busca favorecer a integración desde o día a día, reforzando eses vínculos e creando comunidade a través da lingua.
A lingua, porta de entrada
Na presentación do proxecto, a concelleira de Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, destacou que «a lingua é unha porta de entrada á comunidade e unha maneira de sentirse parte do lugar no que se vive». Pola súa banda, Tono Formoso, profesor dos cursos e coordinador do programa, explicou que Elos permite «dar continuidade á aprendizaxe desde a conversa, a convivencia e a vida cotiá».
A experiencia das persoas participantes foi tamén protagonista. Daniel Peñaloza, venezolano residente en Carballo, salientou que «aprender galego axuda a integrarse mellor e a entender o lugar no que vives».
Desde o ámbito social, a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Maica Ures, lembrou que a lingua «é unha ferramenta esencial para a igualdade de oportunidades e a convivencia».
O alcalde, Daniel Pérez, animou á veciñanza a participar nun programa que contribúe a «construír un Carballo máis cohesionado, no que a diversidade é unha riqueza».
Na actualidade, Elos Carballo celebra encontros periódicos e permanece aberto tanto a persoas que desexen mellorar o seu galego como a falantes habituais que queiran compartir tempo e conversa. «O obxectivo é seguir facendo do galego un elo de integración, participación e convivencia», subliñan dende o Goberno carballés.
Novo curso de acollemento
A Concellaría de Normalización Lingüística vén de clausurar un dos cursos de acollemento lingüístico, e xa está preparando o seguinte. A partir do 3 de febreiro, as Escolas do Xardín Agra de Caldas acollerán un obradoiro dirixido a persoas que queiran aprender non só a lingua, senón tamén os costumes galegos. As clases serán todos os martes e xoves ata maio, en horario de 17.30 a 19.00 horas.
- La CIG mantiene la huelga indefinida en los autobuses de Santiago a partir del miércoles, mientras UGT y CCOO la aplazan
- Un incendio en el centro comercial As Cancelas, en Santiago, obliga a evacuar el edificio: "Se originó en la azotea"
- Patronal y sindicatos vuelven a la negociación para evitar la huelga de buses en Santiago desde el miércoles
- Buscan a un vecino de Carballo que está desaparecido desde el viernes
- Las listas de espera de los talleres de coches en Santiago: 'Ahora mismo estamos desbordados
- Despliegue de la Guardia Civil en Teo por un presunto caso de evasión de impuestos
- Menú de 8 euros y ambiente futbolero: así es el bar de Santiago que triunfa entre los estudiantes
- La rotura de una tubería en el centro de Santiago inunda un garaje y varios comercios: 'Había gran cantidad de agua en la tienda