Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PROXECTO

Ames impulsa Distrito 13 17, un club para unir e involucrar á xuventude

Será un espazo activo que ofrecerá actividades lúdicas e formativas

Andrea Piñeiro, esquerda, Pili Villaverde, Beatriz Martínez e Doli Folgar, na presentación.

Andrea Piñeiro, esquerda, Pili Villaverde, Beatriz Martínez e Doli Folgar, na presentación. / C.

Redacción

Ames

A Concellaría de Mocidade presentou o novo Club Xuvenil de Ames Distrito 13 17, un espazo pensado para a xente nova de trece a dezasete anos con ganas de pasalo ben, coñecer xente, crear, participar e facer cousas diferentes.

Trátase dun proxecto de lecer para dinamizar e promover a participación da xuventude a través de actividades lúdicas e formativas de diversa temática.

As actividades comezarán o venres, 6 de febreiro, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, en horario de 19.00 a 21.00 horas, coa iniciativa Creando Rede. Haberá programación cada 15 días durante todo o ano, agás nos meses de verán.

A concelleira de Mocidade, Beatriz Martínez, explicou que «Distrito 13 17 é o novo club xuvenil de Ames. Neste espazo haberá sitio para ideas tolas, proxectos colectivos, xogos, debates, saídas e actividades que nacen dos intereses da mocidade. Este proxecto de lecer busca dinamizar e promover a participación da xuventude, a través dunha batería de actividades lúdicas e formativas de diversa temática, fundamentadas principalmente na participación real e activa da mocidade, o intercambio de experiencias e coñecementos, a interacción dende o encontro cultural de xente nova de diferentes idades e múltiples gustos e intereses».

Aprender e construír grupo

Será, engadiu, un espazo activo, «unha alternativa para que a xuventude do concello entre os 13 e os 17 anos se coñeza e estableza nexos de unión e relacións sas, e onde a mocidade sexa a verdadeira protagonista do seu lecer. Cada encontro será unha oportunidade para expresarse, compartir, aprender e construír grupo, sempre nun ambiente seguro, respectuoso e participativo».

Doli Folgar, da empresa Foto e Gráfica, encargada do deseño da identidade gráfica, sinalou que crearon «un símbolo de pertenza a este distrito no que se busca unir á xuventude, facer grupo e ofrecer un espazo onde desfrutar de ocio saudable».

Andrea Piñeiro, de Anacos Educativos, empresa encargada da xestión e organización da programación, explicou que «as actividades pódense modificar porque o que queremos é que este proxecto sexa de toda a mocidade participante».

A este respecto, a técnica de Xuventude Ames, Pili Villaverde, sinalou que «nos gustaría que sexa a propia mocidade a que propoña ideas. O valor fundamental do club é que os mozos e mozas sexan os protagonistas do seu tempo de lecer».

Tracking Pixel Contents