Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Pico Sacro, onde o monte é escola

Once propietarios da Asociación Forestal de Galicia impulsan este terreo natural demostrativo, que une producción sostible e conservación ambiental

O proxecto quere ser referente na silvicultura e amosar o potencial das frondosas galegas nun modelo de xestión respectuoso co medio

Visitantes no monte demostrativo do Pico Sacro.

Visitantes no monte demostrativo do Pico Sacro. / Cedida

Mario Fajardo

Boqueixón

O proxecto do monte do Pico Sacro naceu cun obxectivo claro: tratar de demostrar que é posible producir madeira de alto valor económico respectando os ecosistemas. Antes desta intervención, o monte estaba degradado, con eucaliptos afectados por pragas, moitas parcelas abandonadas e antigos cultivos que non tiñan rendemento. Ante esa situación, once propietarios decidiron agruparse e cederlle á Asociación Forestal de Galicia a xestión das súas terras, transformándoas nun exemplo de restauración forestal e planificación sostible.

Un espazo para investigar e para divulgar

Dentro do recinto, que está dividido en zonas forestais e agroforestais, conviven numerosas especies como castiñeiros, cerdeiras, nogueiras e carballos americanos procedentes de material xenético mellorado polo centro de Lourizán. En cada rodal experiméntase con distintas combinacións de especies e marcos de plantación para avaliar cal ofrece mellores resultados tanto en produción como en saúde das árbores. Ademais da madeira, tamén se obtén froita, forraxe e cogomelos, probando que o monte pode xerar riqueza de forma diversificada.

O monte demostrativo do Pico Sacro é tamén un espazo educativo e de divulgación. A Asociación Forestal de Galicia organiza visitas guiadas para propietarios forestais, comunidades de montes, estudantes e profesionais do sector. Nestes percorridos é posible aprender técnicas de poda, manexo de solos, control de pragas ou sistemas de certificación forestal. «Queremos que o monte se converta nunha referencia práctica para os silvicultores galegos», explican desde a Asociación.

Un proxecto apoiado por Inditex

O proxecto conta co patrocinio do Grupo Inditex, no marco da súa política de responsabilidade ambiental e social, que inclúe liñas de investigación para a mellora xenética de especies forestais galegas. Grazas a este apoio, o monte mantén unha programación anual de actividades formativas e de divulgación.

Na actualidade, o monte do Pico Sacro xa é moito máis que un espazo de plantacións: é un símbolo da nova cultura forestal galega, baseada na cooperación entre ciencia, propiedade e sostibilidade. Desde a súa inauguración, no ano 2018, xa pasaron por el centos de visitantes que descubriron que o bosque pode ser, ao tempo, fonte de vida, de coñecemento e de futuro.

Tracking Pixel Contents