Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

GASTRONOMÍA

Casa Balarés, de Ponteceso, premio Mellor Almorzo en Madrid Fusión

A Deputación da Coruña promocionou os produtos quilómetro cero

Xosé Regueira, esquerda, cos xerentes de Casa Balarés, en Madrid Fusión.

Xosé Regueira, esquerda, cos xerentes de Casa Balarés, en Madrid Fusión. / D. C.

Ponteceso

Casa Balarés, de Ponteceso, foi distinguida co Premio Mellor Almorzo en Madrid Fusión 2026, cun proxecto de restauración e hoteleiro incluído na programación deseñada para este evento pola Deputación da Coruña, baixo a marca A paisaxe que sabe.

Silvia Facal e Rafa Varela, responsables do restaurante Balarés, presentaron un mexillón do Barbanza en escabeche caseiro e unha pescada de baixura con emulsión de allada galega e chícharo bágoa.

Os grandes protagonistas na segunda xornada do evento, foron os produtos quilómetro cero da provincia: galletas, queixos, mexillón, podutos da horta, viños, conservas e moito máis. «Alimentos de proximidade, da nosa terra e do noso mar e de primeira calidade», destaca o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira.

Enogastronomía

Subliña a importancia da enogastronomía como principal produto turístico da provincia, que atopa en escaparates como Madrid Fusión unha vía de situarse no mercado internacional.

Igual ca na xornada inaugural, a resposta do público foi «excelente», incide o vicepresidente, ao tempo que destaca a presenza no posto da Deputación dun amplo abano de produtos que abranguen «practicamente todo o territorio da provincia».

A xornada abriu coa presentación das Gallegas de Nata da Coruña e continuou coa degustación de produtos da horta ecolóxica dos Biosbardos (Cambre). A seguir, Óscar Ramil, xerente do Consello Regulador da DOP Arzúa-Ulloa relizou un relatorio e cata vertical de queixos.

Demostracións gastronómicas

Por segundo día consecutivo puxo a nota enolóxica Alejandro Paadín, catador e formador, que disertou sobre os viños das IXP Terras do Barbanza e Iria, así como os viños da indicación xeográfica protexida de Betanzos.

Á tarde volverán as demostracións coa Conserveira e a súa presentación e degustación de ventresca de bonito do norte en manteiga da queixaría Galmesán; novo relatorio e cata de Alejandro Paadín, desta vez centrada nos viños do proxecto de enoturismo María Manuela (Boqueixón); outra sesión da demostración gastronómica de Balarés; e o peche con presentación e degustación de produtos da marca santiaguesa Chichalovers.

Showcooking de Lucía Freitas

Para a terceira e derradeira xornada, o prato principal será o showcooking da chef estrela Michelin Lucía Freitas (Santiago de Compostela). A responsábel do restaurante A Tafona elaborará en dúas sesións diferentes —ás 14 e ás 16 h— cabaza asada dos Biosbardos con pesto de Galmesan emulsionado; mexillón tigre da Conserveira; e guiso de navalla da Conserveira con salsa verde de algas.

Completan o programa outros participantes das primeiras sesións, como A Conserveira (A Pobra do Caramiñal), La Despensa D’Lujo (Coristanco) e Alejandro Paadín.

Tracking Pixel Contents