Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O BNG reclámalle á Xunta reforzar a atención primaria "en deterioro" de Teo

A portavoz nacionalista, Ana Pontón, solicitou que "se cubran as baixas, vacantes e medios suficientes" para "garantir un servizo de calidade"

No centro, Ana Pontón durante a concentración fronte o centro de saúde de Cacheiras.

No centro, Ana Pontón durante a concentración fronte o centro de saúde de Cacheiras. / Cedida

Teo

A portavoz do BNG, Ana Pontón, urxiu á Xunta de Galicia a reforzar a atención primaria no concello de Teo co "persoal e servizos que precisa" e a "dotala de infraestruturas sanitarias adecuadas".

A líder nacionalista tratou as consecuencias dos recortes e privatizacións do Executivo de Rueda na situación "de deterioro", describe, na que se atopa a primaria de Teo. Ademais, participou nunha concentración ante o centro de saúde de Cacheiras para reclamar máis profesionais e máis medios, xunto ao portavoz municipal, Eloi Devesa, e as deputadas Montserrat Prado, Iria Carreira e Saleta Chao.

Pontón denunciou que neste concello “falta persoal sanitario, faltan servizos e faltan infraestruturas adecuadas” para poder atender ás persoas cando acoden ao seu centro de saúde, o que evidencia “o deterioro que se está producindo nun elemento que tiña que ser vertebral no sistema sanitario como é toda a rede de atención primaria”.

Neste sentido, salientou tamén a "precariedade das instalacións dos centros de saúde", logo de destacar que os veciños e veciñas de Pontevea "teñen que acudir a uns contedores para poder recibir atención sanitaria", unha medida que ía ser provisional "pero que xa leva máis de catro anos sen que haxa ningunha alternativa nin ningunha resposta por parte do Goberno do Partido Popular”, apunta.

“O que lle reclamamos á Xunta é que dote ao concello de Teo, onde hai case 20.000 persoas, que cubra as baixas dos profesionais, que se cubran todas as prazas que están vacantes e que se garanta unha atención sanitaria de calidade”.

Tracking Pixel Contents