Carballo amplía o saneamento en Monte, A Grela e A Ponte Rosende con tres quilómetros de tubaxes
O proxecto, no que se investirán 572.000 € e que beneficiará máis de cen fogares, inclúe a mellora do abastecemento

Localización das actuacións previstas: en vermello, as das redes do abastecemento; en amarelo, as do saneamento; e en rosa, as dos bombeos. / Cedida
O Concello de Carballo acometerá un importante proxecto de mellora e ampliación das redes de abastecemento e saneamento nos lugares de Monte, A Grela e A Ponte Rosende, na parroquia de Carballo, unha actuación estratéxica que permitirá completar e modernizar estas infraestruturas básicas e que chegará a máis de cen fogares.
A intervención contará cun orzamento de 572.066,72 euros e prevé tanto a instalación de novas tubaxes de abastecemento de auga como unha nova rede de saneamento de 3.090 metros de lonxitude.
O proxecto inclúe tamén unha estación de bombeo na Grela (a carón do campo de fútbol), a eliminación dunha fosa na Ponte Rosende e a construción de 84 pozos de rexistro, ademais da reposición dos pavimentos afectados.
A actuación desenvolverase en núcleos cunha poboación estable e ademais incorpora un compoñente ambiental salientable, xa que permitirá reforzar a protección do río Rosende, afluente do Anllóns, reducindo riscos de verteduras e mellorando a calidade das augas e do entorno natural.
Con esta intervención, o Concello reforza o seu compromiso coa modernización de infraestruturas básicas e cun modelo de servizos públicos máis eficiente e sostible.
A inclusión do proxecto no POS+ Complementario foi aprobada no pleno ordinario de xaneiro cos votos a favor do BNG e do PSOE e a abstención do PP. Os populares puxeron en cuestión os criterios para a elección do proxecto.
O alcalde, Daniel Pérez, defendeu que o criterio principal é beneficiar o maior número posible de veciños e veciñas coa extensión dos servizos esenciais, que no caso do abastecemento e o saneamento chegan xa a máis do 90% da poboación do concello.