Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Degustacións, desfiles e feira na máis completa Festa da Filloa de Lestedo

Impartiránse cinco showcookings e haberá actuacións musicais para todos os públicos

As filloeiras elaborarán 2.000 unidades por hora

Serviranse tanto doces como salgadas

Esparís, esquerda, Merelles, Rodríguez, Rodeiro e Penas, durante un showcooking de filloas.

Esparís, esquerda, Merelles, Rodríguez, Rodeiro e Penas, durante un showcooking de filloas. / Cedida

Boqueixón

A parroquia de Lestedo, en Boqueixón, acolle cada inverno unha das citas gastronómicas máis populares do cinturón compostelán: a Festa da Filloa, que na súa 43 edición ofrecerá «a programación de actividades máis completa da súa historia», segundo o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro. Celebrarase os días 13, 14, 15, 16, 18, 19, 21 e 22 de febreiro.

No acto de presentación do festexo, que tivo lugar no CIFP Compostela, estiveron presentes, ademais do rexedor boqueixonés, o presidente da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, Juan Manuel Hermida; o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; o director da Axencia de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles; o deputado provincial de Patrimonio, Xosé Luís Penas; o director do CIFP Compostela, Ramiro Esparís; e a actriz e presentadora de televisión María Mera.

Na xornada inaugural, o día 13, celebrarase no renovado local de Lestedo un dos cinco showcookings programados: o Filloa Cooking, que ofrecerá unha cata deste exquisito produto con viños Ribeira da Ulla con Denominación de Orixe Rías Baixas. Un día despois será a Festa da Filloíña, que converterá o campo da festa da parroquia en todo un festival musical.

O domingo 15 chegará unha das principais novidades da cita, a Feira da Filloa. «Esta é unha xornada especial na que se farán degustacións e se venderán diferentes preparacións de filloas, tanto doces como salgadas», destacou Ovidio Rodeiro.

Máquinas filloeiras

O día grande da celebración, o domingo 22 de febreiro, a festa comezará ben cedo. «As máquinas filloeiras acenderánse ás oito da mañá e farán unha media de 2.000 filloas por hora, ao tempo que outras filloeiras e filloeiros prepararán máis racións», explicou Juan Manuel Hermida. Posteriormente, a música dará paso ao IX Gran Desfile Intermunicipal dos Xenerais da Ulla, para o que «esperamos contar con medio cento de xenerais e xeneralas chegados dende A Estrada, Santiago, Silleda, Touro, Teo, Vedra, Vila de Cruces e Boqueixón», afirmou o presidente da asociación promotora da festa.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, subliñou o potencial da cita gastronómica alegando que «a Festa da Filloa de Lestedo é capaz de crear comunidade e xerar un importante retorno económico». «Se existira unha enxeñería de Turismo, esta festa sería un dos seus mellores alumnos», engadiu.

Tracking Pixel Contents