Comeza en Carballo o ciclo de cinema árabe AMAL en Ruta, dedicado á situación do pobo palestino
Inclúe cinco proxeccións sobre Gaza, a Nakba, a ocupación, os refuxiados e as protestas

Maruxa Suárez e Ghaleb Javer, na presentación do ciclo. / Cedida
A edil de Cultura de Carballo, Maruxa Suárez Cotelo, presentou unha nova edición do ciclo de cinema árabe AMAL en Ruta, que comeza este venres no Pazo da Cultura e se prolongará ata o 26 de febreiro.
Na presentación participou tamén Ghaleb Jaber Martínez, presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas e director do citado festival, que este ano está dedicado de forma íntegra á situación do pobo palestino.
«O ciclo consta de cinco longametraxes (catro documentais e unha ficción) que definen os cinco conceptos clave para comprender a realidade palestina: Gaza, a Nakba, a ocupación, as persoas refuxiadas e as protestas contra o xenocidio», explicou Ghaleb Jaber.
O festival comeza este venres coa proxección de This is Gaza, un documental de Tom Besley (Reino Unido). Cando a guerra entre Israel e Hamás destruíu o seu fogar e puxo en perigo a súa familia, o cineasta palestino gañador do premio Emmy, Yousef Hammash, buscou a súa única esperanza: unha cámara de vídeo. Esta é a súa poderosa historia.
En This is Gaza, Tom Besley combina a mirada xornalística coa experiencia vital de Yousef Hammash, xornalista do equipo de Channel 4 News, quen conta a súa historia dende Gaza por primeira vez ante a cámara. En 2025 foi seleccionada para os Premios Rory Peck Longlists na categoría de xornalista freelance.
O programa continúará o xoves 5 de febreiro coa peza Janin, Jenin, un documental de Mohammed Bakri (Palestina). Neste novo documental, Mohammed Bakri regresa ao campo de refuxiados de Jenin máis de dúas décadas despois da súa obra anterior, Jenin, Jenin (2002). Na nova peza, filmada tras a ofensiva militar israelí de 2023, retoma o fío da súa experiencia previa: entrevista de novo a quen aparecera no documental orixinal e recolle novos testemuños directos sobre a ocupación, a destrución e a resistencia persistente.
Actor e director palestino nado en Bi’ina, na rexión da Galilea, Bakri conta cunha traxectoria destacada no cinema e no teatro, caracterizándose por explorar temas de identidade, memoria e resistencia palestina. O seu traballo documental céntrase en dar voz ás comunidades afectadas polo conflito. Nesta obra retomou o compromiso coa denuncia social desde unha ollada íntima e humana.
O xoves 12 de febreiro será a quenda de The time that remains, de ficción, dirixida por Elia Suleiman (Palestina-Francia). Ao longo de catro episodios que abranguen desde 1948 ata a actualidade, unha familia palestina vive entre a creación do Estado de Israel e a memoria herdada. Elia Suleiman mestura humor silencioso, ironía e surrealismo para retratar os paradoxos cotiás da vida baixo a ocupación. Fragmentos da súa propia historia familiar emerxen como testemuños íntimos.
Suleiman é un cineasta palestino cuxas obras combinan minimalismo poético e ironía mordaz. Ten participado como actor e guionista en varias das súas películas. O seu estilo caracterízase pola sutileza visual e a reflexión sobre a historia colectiva. En 2009 estivo nomeado á Palma de Ouro no Festival de Cannes e en 2010 o filme estivo nomeado ao Premio Cinema for Peace pola Xustiza.
O ciclo continuará o xoves 19 de febreiro con Notes on displacement, un documental de Khaled Jarrar (Palestina-Alemaña-Qatar). Khaled Jarrar segue a unha anciá palestina no seu desprazamento dende Damasco a Europa pola ruta dos Balcáns. Acompañando a Nadira e á súa familia, o director vincula a súa propia memoria de infancia coa transmisión de traumas colectivos, preguntándose polo sentido do fogar, a pertenza e a identidade.
Khaled Jarrar, artista e cineasta palestino, pasou de ser gardacostas de Yasser Arafat a usar a arte como ferramenta de memoria e resistencia. Formouse en fotografía en 2005, graduouse na Academia Internacional de Arte-Palestina en 2011 e completou un máster en Belas Artes na Universidade de Arizona en 2019.
En 2023 o documental gañou o Feature Documentary Award no DOXA Documentary Film Festival. No mesmo ano obtivo unha Mención Especial ao Mellor Documental de Longametraxe no Ismailia International Film Festival.
O ciclo AMAL en Ruta rematará o xoves 26 de febreiro coa proxección do documental The encampments, de Kei Pritsker e Michael T. Workman (EE.UU.), sobre as protestas estudantís solidarias con Palestina en 2024, iniciadas na Columbia University e estendidas globalmente. Mostra a represión e os campamentos, máis tamén a forza dun movemento internacional que reclama xustiza e responsabilidade institucional.
Kei Pritsker, xornalista e documentalista, e Michael T. Workman, cineasta e produtor, dirixen The Encampments. A súa colaboración combina investigación xornalística e narrativas visuais para documentar con forza as protestas estudantís en solidariedade con Palestina. A cinta estivo nomeada ao Human Rights Award 2025, gañando unha Mención Especial.
Todas as proxeccións serán ás oito da tarde no Pazo da Cultura de Carballo, e o acceso será de balde ata completar a capacidade de dita instalación municipal.
- Adiós a la lluvia: Galicia se prepara para dejar en casa los paraguas y pone fecha a la vuelta del sol
- Uno de los mejores panes de España se hace en Santiago: 'Un día normal aquí son 14 horas de trabajo
- Estos son todos los cortes de tráfico por el desfile de Carnaval de este martes en Santiago
- Un restaurante de Santiago conquista la alta cocina y suma su primer Tres Soles Repsol: 'Ha construido un universo propio
- Rodada en Santiago y ambientada en el Entroido gallego: así es la nueva película que llega a Prime Video
- Martiño Noriega, ex alcalde de Santiago, y su noche especial de concierto en pleno Entroido
- La autora de la novela de la que todo el mundo habla viene a Santiago esta semana
- Los residentes rechazan el sentido único en la rúa do Rego para evitar rodear O Milladoiro