Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Sabor, música, artesanía e inclusión na Festa da Filloa da Pedra da Baña

Será o 8 de febreiro e as degustacións comezarán ás 09.30 da mañá

O grupo De Ninghures pechará a celebración

Unha das novidades será a venda de ‘merchandising’ con fin solidario

Foto de familia na presentación da Festa da Filloa da Baña.

Foto de familia na presentación da Festa da Filloa da Baña. / Cedida

A Baña

O Concello da Baña xa está preparado para vivir a súa cita gastronómica por antonomasia, a Festa da Filloa da Pedra. Unha celebración que encherá o municipio o 8 de febreiro e que busca que «as persoas non só veñan á Baña a comer, senón tamén a gozar das propostas culturais que ofrece», como sinalou a edil de Cultura, Mónica González, no acto de presentación do programa na Praza de Abastos de Santiago de Compostela, onde tamén estivo presente o alcalde José Antonio Pereira.

O domingo 8 a festa arrancará ás 09.30 da mañá coa apertura de portas, cando o recendo das filloas marcará o comezo das degustacións. O prezo de cada unidade deste doce xa patrimonial da Baña será de 1,5 euros, mentres que as racións de orella e chourizo terán un custo de 6 euros. En canto ás actividades (todas gratuítas), comezarán promovendo o deporte da man da II Ruta Ciclista da Filloa, un percorrido de dez quilómetros pensado para o público familiar que vestirá de curto aos veciños ás 10.00 horas.

Deseguido, ás 11.00 horas, impartiranse os obradoiros de Treboada, nos que se lles ensinará aos interesados unha tradición musical propia do Baixo Miño, na que a percusión das gaitas e dos tambores marca o ritmo. Collerán a remuda musical as actuacións da Escola de Música Tradicional da Baña e das Atrevidas do Monte, un grupo de pandereiteiras locais, ás 12.00 horas.

Asemade, ás 12.15 horas, será a quenda dunha das propostas máis esperadas: o obradoiro de cestería tradicional a cargo de Luís do Río, no que se porán en valor os saberes tradicionais da nosa artesanía. Despois, o autor bañense Manuel Iglesias Turnes encargarase de dar o pregón arredor das 13.30 horas.

Xa pola tarde, os presentes na Baña bailarán ao ritmo do tardeo, que comezará ás 14.00 horas coa variedade musical do Trío Alborada e continuará co folk dos grupos Bouba e A Requinta de Lampai. Ademais, Mónica González anunciou unha das novidades desta edición, o taller para crianzas Enmascararte, impartido por Mónica Iglesias. Esta iniciativa, que terá lugar ás 16.00 horas, «está pensada para que as familias poidan conciliar e que tanto pequenos coma adultos desfruten da festa ao seu xeito», detallou a concelleira.

A troula rematará cun dos pratos fortes da xornada, o concerto do grupo De Ninghures, unha das novas bandas galegas de maior éxito, que ofrecerá a súa particular mestura de sons actuais e tradicionais para goce de todas as idades.

Produtos exclusivos

Tras o éxito das cuncas coas que se agasallou ao voluntariado da anterior Festa da Filloa da Pedra, o Concello decidiu dar un paso máis e apostar pola creación dun merchandising exclusivo, elaborado pola Fundación para a Protección dos Discapacitados Psíquicos da Comarca de Barcala, demostrando que esta cita «aparte de priorizar o apartado gastronómico, colabora cunha causa social», declarou a edil de Cultura.

Mostra dos produtos elaborados pola fundación.

Mostra dos produtos elaborados pola fundación. / Cedida

A oferta de produtos inclúe pulseiras, chaveiros, mandís, gorros de cociña, camisetas, cuncas e botellas. A deseñadora da entidade, Jennifer Riveira, e a directora, Rosa Tuñas, destacaron no acto a importancia deste proxecto para as persoas usuarias da fundación. «Sempre poñen da súa parte e colaboran con ilusión», sinalou Riveira. «É moi bonito poder darlle visibilidade a todo o que son capaces de facer», engadiu Tuñas.

Tracking Pixel Contents