Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Inaugurada a terceira Casa do Maior de Fisterra

Ubícase no lugar de Vilar e nela recibirán atención gratuíta persoas con 60 ou máis anos que teñan unha dependencia moderada.

Antón Acevedo, no centro, cos asistentes á inauguración da nova Casa do Maior de Fisterra.

Antón Acevedo, no centro, cos asistentes á inauguración da nova Casa do Maior de Fisterra. / Cedida

Fisterra

A Xunta de Galicia segue a fortalecer a rede de recursos para o coidado das persoas maiores que viven en concellos rurais pouco poboados, coa finalidade de facer posible que cumpran co seu desexo maioritario de permanecer na súa contorna e preto das súas casas, familiares e achegados.

A este obxectivo responde a rede de Casas do Maior que están en funcionamento por toda a comunidade e á que este sábado se sumou unha máis en Fisterra, que está situada no lugar de Vilar e que é a terceira coa que conta este concello.

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, estivo na inauguración deste servizo, no que recibirán atención gratuíta persoas con 60 ou máis anos de idade que teñan unha dependencia moderada.

Estes coidados inclúen a manutención, a hixiene e o desenvolvemento de actividades de lecer e cognitivas para favorecer un envellecemento activo e saudable. O horario de atención será dun máximo de oito horas diarias e durante todo o ano, agás os días festivos e o mes de vacacións.

Antón Acevedo salientou a importancia das Casas do Maior, das que destacou que ofrecen unha atención individualizada a grupos pequenos, xa que como norma xeral cada unha delas ten un máximo de cinco usuarios. Tamén valorou o feito de que favorecen a conciliación das familias, axudan a fixar poboación no rural e a dinamizar a economía local alí onde se asentan.

O programa das Casas do Maior é unha iniciativa que, desde que a Xunta a puxo en marcha no ano 2018 coa primeira convocatoria de axudas, está a ter moi boa acollida tanto por parte dos concellos como das persoas maiores usuarias e das súas familias.

Galicia conta na actualidade cunha rede formada por uns 160 recursos deste tipo, que suman arredor de 800 prazas totalmente de balde para os maiores.

A Administración autonómica concede axudas tanto para acometer as obras necesarias para poñer en marcha o servizo como para o mantemento da actividade.

Tracking Pixel Contents