Edítanse as perdidas Rimas Populares de Manuel Murguía
Na nova publicación de Diego Rodríguez González 'As Rimas Populares de Galicia de Manuel Murguia' editada pola Real Academia Galega

Diego Rodríguez González na praia de Laxe, ao fondo vese a igrexa de Santa María de Atalaia. / María Pita
MIGUEL R. TABOADA
Na nova publicación de Diego Rodríguez González 'As Rimas Populares de Galicia de Manuel MurguÍa'. Edición e estudo dos materiais conservados atopamos, entre as composicións que o material aparecido achega, versións inéditas de numerosos romances que non se tiñan en galego, outros xa coñecidos dos que o seu grao de manipulación, e tradución, non había seguridade e as probas da transmisión do famoso Gaiferos de Mormaltán, que aparece da man de Alejandra.
Da memoria dunha anciá de Laxe á nosa tradición erudita
A memoria dunha anciá de Laxe e a súa relación con Alejandra, a filla maior de Manuel Murguía e Rosalía de Castro, permitiu que chegaran ao día de hoxe as letras dos romances que se cantaban en galego na primeira metade do século XIX.
Normalmente a recollida foclórica compónse de dous elementos: un, chamado informante, é entrevistado e outro chamado folclorista que recolle o que esta persoa canta. A partir dos anos 80 do século XX estas enquisas fixéronse con magnetófono, destacándose as feitas por Dorothé Schubarth e as do Seminario Menéndez Pidal. Nestes traballos, se nos cinguimos ao romanceiro, toda a tradición aparecía en castelán.
Sucedía o mesmo nos tempos máis antigos? Segundo o investigador Diego Rodríguez González o legado conservado na Fundación Barrié, procedente de Murguía a través de Víctor Said Armesto demostra, que o Romanceiro na primeira metade do século XIX, cantábase en galego desde a raia de Portugal ás vilas de Laxe e Viveiro; é dicir, en toda Galicia, de norte a sur.
Inda que o propio Murguía, pensaba inicialmente que o romanceiro era unha importación castelá que nunca encontrou unha naturalización en Galicia unha circunstancia especial permitiulle chegar moito máis atrás no tempo a través das Rimas de Murguía: Alejandra aprendera de nena de memoria moitos dos cantares que lle cantaba a criada do seu pai, cuxo nome a día de hoxe descoñececemos. Sorprendentemente Murguía comezou a traballar en folclore e a publicar sobre o asunto ignorando que no seu propio fogar se acubillaban algúns dos restos máis antigos. En torno a 1870, Alejandra, que era xunto con Ovidio unha das promesas intelectuais da familia, acompañará ao seu pai nunha viaxe a Coimbra para estudar o barroco portugués. Neste momento a grande novidade literaria en Portugal era o Romanceiro Portugués de Teófilo Braga. Cando Alejandra atopa que o seu pai está interesado nos poemas, comunícalle que ela sabe moitos coma os que o seu pai lé no libro de Braga.
Sabemos que toda a tradición en Galicia foi sostida por mulleres, pero o caso que tratamos aquí é moi especial. Perdida a copia de Murguía, salvo puntuais mostras, este empeño de publicar as Rimas Populares, que Murguía mantivo durante moitos anos parecía tamén irremisiblemente fallido. Pero os prólogos conservados na Real Academia Galega, que falan dunha copia que o patriarca lle encargou a Florencio Vaamonde en torno a 1895, coa misión de poñer toda a colección en ortografía portuguesa, permitiron identificar un legallo conservado no fondo Said Armesto da Fundación Barrié como o corpo principal do que Murguía pensaba publicar.
Para o editor das Rimas, Diego Rodríguez González, responsable de Patrimonio e Cultura e Bibliotecario da Fundación Barrié este legado ten extraordinaria importancia: “en primeiro lugar por si mesmo, porque recupera fermosas pezas do noso folclore, en segundo lugar polo seu valor prospectivo: a propia situación da lingua e a literatura popular de Galicia a principios do século XIX, debería ser reconsiderada a partir deste material, en terceiro lugar como validador doutros legados, pois non só xustifica a autenticidade de recollidas como a de Victor Said Armesto, senón tamén a de coleccións portuguesas como a de Almeida Garret acreditando un vencello moi estreito entre as dúas tradicións que non se limita as terras de fronteira se non que chega ao norte de Galicia, ata a vila de Laxe, onde os romances que se cantaban por completo en galego, teñen a mesma estructura e musicalidade que as súas contrapartidas portuguesas, por último como testemuña da necesidade de preservar o noso patrimonio oral de hoxe, que non se defende por si mesmo.”
Inda que unha parte dos romances que recolleu Murguía foran publicados por Lois Carré, a través dunha colección hoxe desaparecida, o seu grado de fidelidade á tradición popular era incerto. A nova edición non só proba como estes romances foron transmitidos a Murguía, completamente en galego, con poucos castelanismos ou palabras non normalizadas cunha presencia mínima, tamén engade numerosos romances que non foran publicados ate o de agora que son suficientes para constatar o poder creativo da tradición galega.
O traballo recolle máis de 140 composicións, contrastando as fontes existentes, pois moitos deles contan coa versión do remitente e copias de Murguía ou do seu estreito colaborador Florencio Vaamonde ou de Alejandra.
O autor
Diego Rodríguez González, é responsable de Patrimonio e Cultura na Fundación Barrié, leva traballando na biblioteca e arquivo da institución desde 2004, asumindo tamén as funcións de apoio á lingua e cultura galegas realizadas por esta institución, como o desenvolvemento do dicionario electrónico da RAG, o portal de divulgación do léxico Portal das palabras, a aplicación Ximnasio léxico así como o apoio a numerosas iniciativas editoriais e comisariou a exposición Victor Said Armesto: a lección dun cidadán libre. En 2023 foi nomeado académico correspondente da Academia Galega. Como investigador, abordou sobre todo temas de estudos rosalianos, centrándose principalmente no campo da identificación caligráfica e a bibliografía material.
- Santiago empieza a sancionar con hasta 30.000 euros a los dueños de pisos turísticos ilegales
- La ruptura sindical marca la huelga de autobuses en Santiago con el foco en una nueva reunión
- Evacuada la Comisaría de Santiago por un incendio
- Una tienda de Santiago cierra 'hasta que escampe': 'No quiero coger una depresión
- Galicia triunfa en Netflix: una serie rodada en la comunidad es la más vista del último año... y no es 'Animal'
- Aplazada la huelga indefinida de autobuses en Santiago, aunque sigue sin haber acuerdo
- La carrera por el Rectorado de la USC se decidirá entre Crujeiras y Flores
- Tres locales de Santiago donde todavía puedes tomar café desde 1,20 euros