Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A senda do río Xallas conectará Mazaricos, Santa Comba e Zas ao longo de 70,3 quilómetros

A Deputación da Coruña financia con case 300.000 € un proxecto que se complementará co previsto para a desembocadura do río, na zona da fervenza do Ézaro

Pola esquerda, María Couto, Juan José Blanco e Xosé Regueira, asinando o convenio.

Pola esquerda, María Couto, Juan José Blanco e Xosé Regueira, asinando o convenio. / Cedida

Mazaricos

A Deputación da Coruña asinou este luns en Mazaricos un convenio de cooperación co Concello para o cofinanciamento do proxecto de acondicionamento da senda do Xallas. O obxectivo é poñer en funcionamento unha ruta paisaxística que discorre en paralelo ao río ao longo de 70,3 quilómetros e de poñer en valor a súa importancia natural, cultural e paisaxística.

No acto, a institución provincial estivo representada polo seu vicepresidente, Xosé Regueira, quen rubricou o texto canda o alcalde mazaricán, Juan José Blanco, e a CEO de Xeal, María Couto. Tamén estiveron presentes os rexedores de Zas, Manuel Muíño, e de Santa Comba, Alberto Romar.

O acordo, aprobado polo pleno da Corporación provincial na sesión ordinaria celebrada o pasado 22 de decembro de 2025, instrumenta unha subvención nominativa destinada a financiar as obras do proxecto, cun orzamento total de 368. 749 euros. A achega da Deputación da Coruña ascende a 294 .999 euros, o que representa o 80 % do investimento previsto.

A actuación está concibida tanto como un recurso de dinamización turística do rural como un medio para mellorar a mobilidade da veciñanza, ao tempo que promove a concienciación da poboación local e das persoas visitantes sobre a necesidade de protexer a biodiversidade e o patrimonio etnográfico asociado aos cursos fluviais.

O deseño da senda procura causar o mínimo impacto ambiental posíbel, afastándose en determinados treitos do leito do río para non perturbar a flora e a fauna existentes e evitando interferir na vida cotiá e no traballo da veciñanza dos lugares polos que transita.

Panorámica do río Xallas.

Panorámica do río Xallas. / Cedida

Xosé Regueira destacou que esta iniciativa será complementada polo proxecto previsto para a desembocadura do río (na zona da fervenza do Ézaro e o Monte Pindo).

«Agora é importante que se materialice completamente esta senda, de algo máis de setenta quilómetros, e dar tamén a coñecer o patrimonio material e inmaterial da zona», sinalou.

Regueira puxo tamén o acento en que a senda do Xallas é un recurso pensado «para a xente local, as veciñas e veciños», mais que ao mesmo tempo actuará como «elemento tractor» para as visitas que chegan á procura de natureza.

Nese senso, explicou que «o turista que procura experiencias únicas terá ao seu dispor unha senda ao longo de todo o río», aproveitando para iso o percorrido pola «paisaxe singular» que ofrece «o único río de Europa que remata en fervenza».

O vicepresidente referiuse ademais á importancia que teñen os ríos nas actuacións da Deputación da Coruña, citando como exemplo o Plan de Sostibilidade Turística do río Anllóns, na bisbarra de Bergantiños, así como outras accións vinculadas ao río Lengüelle, xa na comarca de Ordes.

Trazado da senda ao seu paso por Mazaricos (en azul), Santa Comba (vermello) e Zas (verde).

Trazado da senda ao seu paso por Mazaricos (en azul), Santa Comba (vermello) e Zas (verde). / Cedida

O Concello de Mazaricos actúa como entidade representante dunha iniciativa que comparte con Santa Comba e Zas, de maneira que se encargará de xestionar as actuacións. O alcalde mazaricán amosou a súa satisfacción polo paso dado este luns respecto dun proxecto «que comezou hai cinco anos» e agradeceu o investimento que realizan tanto a empresa Xeal como a Deputación da Coruña. «Sen a colaboración da empresa, porque o comezo da ruta pasa integramente polos seus terreos, e sen os fondos que achega a Deputación, non sería posíbel», indicou Juan José Blanco.

O rexedor subliñou tamén a capacidade da senda do Xallas como proxecto tractor para a comarca da Costa da Morte e asegurou que se verá beneficiada «toda a contorna».

O convenio terá vixencia até o vindeiro 31 de outubro e forma parte das competencias da Deputación da Coruña en materia de asistencia e cooperación económica e técnica aos concellos, especialmente aos de menor capacidade económica e de xestión, co obxectivo de contribuír á mellora do patrimonio provincial e ao desenvolvemento de proxectos de interese público e social.

TEMAS

Tracking Pixel Contents