Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

DINAMIZACIÓN

Aprendizaxe, reflexión e convivencia no MercaEscola de Carballo

Consumo, saúde, servizos públicos e medio ambiente centran as propostas

Daniel Pérez, esquerda, e Ramón Varela presentando o MercaEscola.

Daniel Pérez, esquerda, e Ramón Varela presentando o MercaEscola. / C. Carballo

Carballo

A Concellaría de Feiras e Mercados do Concello de Carballo pon en marcha unha nova edición de MercaEscola, un programa formativo e informativo dirixido a persoas adultas que converterá a Sala Cervantes do Mercado Municipal nun espazo de aprendizaxe, reflexión e convivencia entre o 2 de marzo e o 25 de maio.

O concelleiro delegado da área, Ramón Varela, e o alcalde, Daniel Pérez, presentaron unha programación que inclúe trece actividades e estrutúrase arredor de catro grandes bloques temáticos: consumo, saúde, servizos públicos e medio ambiente, cun formato aberto e participativo que busca achegar ferramentas prácticas para o día a día ao tempo que promove o mercado como un lugar vivo, útil e comunitario.

A participación en todas as actividades é de balde, con prazas limitadas, e require inscrición a través da web carballo.gal.

Aprender e participar

MercaEscola inclúe charlas, obradoiros, sesións informativas, proxeccións e saídas guiadas. Entre os temas que se abordarán destacan os dereitos das persoas consumidoras, a seguridade viaria, a saúde do río Anllóns, a xestión do ciclo da auga, a menopausia, os dereitos nas subministracións do fogar, os servizos financeiros e bancarios ou a compostaxe doméstica.

O programa tamén incorpora propostas orientadas ao benestar persoal, como unha sesión de mindfulness, e actividades de divulgación e coñecemento do territorio, como a visita guiada á parroquia de Aldemunde, a máis pequena do concello.

O concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, destacou que "MercaEscola é unha forma de achegar o mercado á veciñanza desde outro enfoque: como un espazo onde tamén se vén aprender, informarse e compartir. Con esta programación queremos dinamizar o Mercado Municipal e facer que a cidadanía o sinta como algo propio, útil e vivo ao longo de todo o ano".

"Con MercaEscola facemos do Mercado Municipal un espazo útil, vivo e participativo, que vai máis alá da compra diaria: é un punto de encontro onde a veciñanza pode aprender, informarse e compartir experiencias sobre cuestións que nos afectan a todos, como o consumo, a saúde ou o coidado do medio ambiente”, engadiu o alcalde.

Colaboración e agradecementos

A iniciativa conta coa colaboración das áreas municipais de Cultura e Festas, Servizos e Medio Ambiente, Mobilidade e Policía, Arquivos e Bibliotecas e Comunicación, así como coa participación de profesionais e entidades como o Instituto Galego de Consumo e da Competencia (IGCC), o Grupo de Investigación en Cambio Ambiental e Paleobioloxía da UDC (GRICA-BIOpast), o reumatólogo Francisco Blanco, Aqí&Agora Centro de Mindfulness, Gestagua e Rocío Díaz Fisioterapia.

Tracking Pixel Contents