Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

POLÍTICA MUNICIPAL

Lorena Suárez renuncia á acta de concelleira do BNG en Vimianzo

Seguirá como responsable local dos nacionalistas

Lorena Suárez deixa a súa acta de concelleira do BNG de Vimianzo.

Lorena Suárez deixa a súa acta de concelleira do BNG de Vimianzo. / Cedida

Vimianzo

A concelleira do BNG de Vimianzo, María Lorena Suárez Pazos, vén de presentar a súa renuncia á acta "nun exercicio profundo de honestidade persoal, profesional e política", afirma, sen abandonar o seu compromiso político nin os valores nacionalistas. A renuncia farase efectiva no pleno municipal do venres 6 de febreiro.

"Non deixo a política nin o BNG; simplemente estou sendo coherente coa miña maneira de entender a responsabilidade, tanto coa veciñanza vimiancesa como coas persoas que dependen de min no día a día”, explica Suárez Pazos.

Continuará exercendo como responsable local do BNG de Vimianzo, reafirmando a súa vontade de "seguir traballando por un concello e unha Galiza máis xustos, feministas e sustentables desde todos os espazos posibles: o partido, o ensino público, o ecoloxismo e o activismo social".

Maternidade e docencia

Asegura que renuncia está motivada polo desexo de atender o coidado do seu fillo nos primeiros anos de crianza; mais tamén pola súa condición de docente no IES Terra de Soneira, centro que, segundo a concelleira, "sufriu unha redución de profesorado e isto derivou de maneira notable no aumento da carga de traballo do cadro docente".

Neste contexto, os seus horarios laborais coinciden cos plenos e coas comisións municipais, obrigándoa a ausentarse das aulas. "Aínda que estas faltas están xustificadas administrativamente, non me parece xusto nin para o meu alumnado nin para a miña ética profesional. Eu quero estar nas aulas, acompañar, dar continuidade ao traballo educativo e non sentir que fallo a quen máis precisa estabilidade", sinala.

"Nunca marcharei das miñas conviccións"

María Lorena Suárez Pazos deixa claro que esta decisión non supón unha retirada da primeira liña política, senón un paso necesario neste momento da súa vida. "Cando a crianza deixe de ser tan dependente, estarei de novo aí, porque nunca marchei nin marcharei das miñas conviccións", asegura.

Agarda que "talvez no meu último pleno me concedan o uso da palabra para despedirme, xa que en ningún ma quixeron dar". Agradece o apoio e a comprensión recibida por parte dos seus compañeiros e compañeiras de partido.

O portavoz do BNG vimiancés, Benxamín Queiro, salienta o seu labor e agradece "fondamente o traballo de Lorena, a súa coherencia e a súa entrega. A súa voz seguirá sendo imprescindible na construción dun proxecto nacionalista forte, feminista e ao servizo da veciñanza de Vimianzo”.

Tracking Pixel Contents