Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

EDUCACIÓN

Ofensiva do BNG e PSOE para demandar solucións para o IES Fernando Blanco de Cee

Apoian as demandas do profesorado e da ANPA do centro

O deputado do BNG Oscar Insua, esquerda, visitou o IES Fernando Blanco.

O deputado do BNG Oscar Insua, esquerda, visitou o IES Fernando Blanco. / Cedida

Cee

O BNG e o PSOE demandan á Consellería de Educación "solucións" ás carencias do IES Fernando Blanco, de Cee. O deputado nacionalista, Oscar Insua, visitou o instituto para coñecer de primeira man as deficiencias, acompañado por profesores e membros da directiva da ANPA do centro educativo. A formación nacionalista solidarízase tamén coas familias que protagonizaron un peche reivindicativo este martes no IES Agra de Raíces.

O parlamentario do BNG avanzou que "seguiremos insistindo ata que a Xunta teña en conta as reivindicacións da comunidade escolar, e presentaremos as iniciativas que fagan falta para elo e por suposto apoiamos todas as mobilizacións do profesorado e das ANPAS reclamando melloras nos centros educativos".

Novas instalacións

Insua manifestou que "a verdade é que o estado do centro de ensino de Fernando Blanco é lamentable; en realidade mellor que reformar penso que sería necesario construír novas instalacións na parte traseira do instituto, porque entre outras cousas, a accesibilidade é inexistente en gran parte das aulas”.

O deputado engadiu que "o ximnasio é pequeno e non reúne as condicións idóneas para dar clases, hai fiestras de aluminio con cristal simple, humidades por todas partes e frío nas aulas, ademais de goteiras nalgunha delas; os automáticos saltan cada dous por tres, a aula de automación básica é un pequeno garaxe no que malamente caben 20 estudantes, e a de ciclo medio precisa unha ampliación”.

Iniciativas socialistas

Pola súa banda, o PSdeG-PSOE rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para que a Consellería de Educación da Xunta solucione os "graves problemas" do IES Fernando Blanco de Cee, "estruturais, eléctricos, térmicos e de seguridade". 

A deputada Patricia Iglesias, asegura que "a seguridade do alumnado e do profesorado non poden esperar, o IES Fernando Blanco é parte esencial da historia deste municipio, de toda a comarca, do noso futuro". Defender este centro, engade, "é defender a educación pública en maiúsculas e o dereito da nosa mocidade a estudar en condicións dignas". 

Reunión co conselleiro

Pola súa banda, a alcaldesa, Margot Lamela, traslada tamén unha mensaxe clara: "a seguridade do alumnado e do profesorado do IES Fernando Blanco é absolutamente prioritaria e non admite demoras". Solicitou unha reunión urxente co conselleiro de Educación, o director territorial e a Inspección Educativa.

"Aínda sendo unha competencia directa da Xunta de Galicia, desde o Concello imos estar vixiantes e activos ata que haxa solucións reais", engade a rexedora. Subliña que "o IES Fernando Blanco non é só un centro educativo; é unha peza clave para o futuro da nosa mocidade. Non podemos permitir que se deteriore nin que se poñan en risco as condicións nas que estudan e traballan", apunta. 

As iniciativas parlamentarias socialistas instan a "executar de maneira inmediata as obras necesarias para reparar os tellados do edificio principal, eliminando as filtracións de auga e garantindo a seguridade das aulas". Tamén a "retirar e substituír a cuberta exterior deteriorada que conecta os distintos edificios do centro, eliminando materiais perigosos e garantindo condicións seguras de tránsito". 

Masificación das aulas

Buscan así mesmo corrixir as deficiencias do sistema eléctrico, adaptar a iluminación exterior ás condicións de humidade do centro, modernizar o sistema de climatización, adoptar medidas para reducir a masificación das aulas e adecuar os espazos docentes á normativa vixente, cubrir de forma inmediata a praza vacante de conserxería e actuar sobre a seguridade viaria na contorna do instituto. 

Tracking Pixel Contents