Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Xunta lanza novas axudas por 2,2 millóns de euros para rexenerar os bancos marisqueiros

Van dedicadas á restauración da biodiversidade e á mellora da produtividade

Ángeles V. Suárez intervindo este martes no Parlamento.

Ángeles V. Suárez intervindo este martes no Parlamento. / Cedida

Santiago

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, dixo que os fenómenos meteorolóxicos producidos entre 2013-2014 e 2023-2024 provocaron un descenso do recurso marisqueiro en zonas como Camariñas, o que levou á Xunta «a actuar con celeridade para compensar aos produtores as perdas sufridas».

«Logo de que a confraría de Camariñas informase á Consellería do Mar da minoración produtiva rexistrada na enseada da Vasa e na desembocadura do río Grande, a Xunta emprendeu accións específicas, como a monitorización dos bancos, a remoción do substrato e limpeza das zonas indicadas, a toma de mostras de sedimento para a súa caracterización granulométrica, e a subministración de máis de 1.100.000 unidades de ameixa (babosa, xapónica e fina) dende 2022 ata 2025», explicou.

Asemade, entre 2015 e 2025 financiouse a liberación de case 6 millóns de unidades de ameixa na superficie explotada polo pósito.

A directora xeral dixo que estas medidas veranse apoiadas coas dúas novas ordes de axudas publicadas en xaneiro no DOG, cun investimento 2,2 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura e destinadas á restauración da biodiversidade e á mellora da produtividade dos bancos marisqueiros con perdas de produción.

En paralelo, a Xunta tramita a adaptación do plan de xestión consistente na suspensión da actividade, solicitado polo pósito de Camariñas, así como a posta en funcionamento doutras dúas axudas ás que esta confraría tamén se pode acoller: unha dotada con 6.570.000 euros e outra con 1,5 millóns de euros.

«Por outra banda, as mariscadoras da zona tamén se poderán beneficiar da prestación por cese de actividade como traballadoras que cotizan no Réxime Especial de Traballadoras do Mar», sinalou Ángeles Vázquez Suárez.

Explotación de ameixa e ameixón en Corcubión

No referente á posibilidade de explotar a ameixa e o ameixón na ría de Corcubión coa técnica de mergullo con subministración de aire en superficie, Suárez dixo que "os datos evidencian o bo funcionamento do sistema actual, pois os mergulladores dos pósitos de Corcubión, Fisterra e Lira aumentaron os seus ingresos en máis dun 200% no período 2016-2025 en comparación co período 2011-2015".

A este respecto, tamén indicou que non hai solapamento de recursos, en tanto en canto a explotación a pé de ourizo ocorre na zona intermareal, mentres que o mergullo funciona na zona submareal, polo que, engadiu, ”non hai conflitos de uso e existen alternativas viables no marco actual”.

Ademais, explicou que a normativa posibilita outras vías de aproveitamento de recursos xerais que non requiren modificacións do sistema de xestión existente.

Tracking Pixel Contents