Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

CULTURA

A regueifa dá o salto ao teatro en Carballo

Mañá estréase o espectáculo do Centro Dramático Galego e o FIOT

Acto de presentación do espectáculo 'Territorio Regueifa' en Carballo.

Acto de presentación do espectáculo 'Territorio Regueifa' en Carballo. / Vanessa Rabade

Carballo

Territorio Regueifa, espectáculo coproducido polo Centro Dramático Galego xunto ao Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo e a compañía coruñesa Ainé, estrearase este venres, día 6 ás 21.00 horas, no Pazo da Cultura carballés, dentro da carteleira municipal que forma parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

O primeiro encontro co público desta proposta escénica participativa, que combina teatro de proximidade, improvisación e retranca, chega finalmente ás táboas para poñer en valor esta xenuína manifestación da tradición cultural galega cos seus característicos desafíos dialécticos rimados e cheos de ironía.

O director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, ademais do director do espectáculo, José L. Prieto; o director do FIOT, Alberto Sueiro; o director de Ainé Producións, Álvaro Pérez; os intérpretes Manolo Maseda, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira; a concelleira de Cultura, Maruxa Suárez; e o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, participaron na presentación.

Música, teatro, improvisación e humor

José L. Prieto asegurou que "a peza é unha mestura de música, teatro, improvisación, humor e información”, e Lupe Blanco subiliñou que "tíñamos un sono: poder levar á regueifa aos teatros. Ver que avanzou cos tempos. Antes parecía que era cousa de vellos, e agora coa rapazada vese que está de moda, soa a moderno. Poder estrear este espectáculo aquí na nosa casa, na capital da regueifa, vai ser brutal. É un soño feito realidade: que tanta xente, e xente nova, estea agardando esta estrea".

Manolo Maseda avisou de que "o que vai pasar este venres no FIOT de Carballo vai ser pura maxia. Ímolo pasar moi ben", e Josinho da Teixeira subliñou que "a regueifa vai chegar onde nunca chegou".

Maruxa Suárez destacou que "imos ver e descubrir unha regueifa súper creativa, que loita pola igualdade". Subliñou ademais que a escola da regueifa de Carballo, con Lupe ao fronte, "é un espazo marabilloso, único, seguro, libre para expresarse, e que medra mes a mes con nova xente".

Pola súa banda, o alcalde, Daniel Pérez, deu as grazas ao FIOT "por este proxecto e por ese recoñecemento da Fundación Contemporánea. A regueifa é parte da nosa propia identidade. E cada vez está máis de actualidade, non podemos desde o Concello máis que intentar arroupar un espectáculo que arrisca e que ten estas características tan interesantes".

TEMAS

Tracking Pixel Contents