Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Deporte, artesanía e música pola Festa da Filloa da Baña

A cita, que será este domingo, ofrece unha ruta ciclista e o concerto de De Ninghures

A concelleira Mónica González, axudando na elaboración das filloas

A concelleira Mónica González, axudando na elaboración das filloas / CEDIDA

A Baña

O Concello da Baña xa ten todo preparado para vivir a súa cita gastronómica por antonomasia, a Festa da Filloa da Pedra. Unha celebración que este domingo encherá o municipio de veciños e visitantes para gozar dunha xornada tan rica coma completa. «As persoas non só veñen á Baña a comer, senón tamén a desfrutar das diversas propostas culturais que ofrece», sinalou a edil de Cultura, Mónica González, no acto de presentación do programa na Praza de Abastos de Santiago de Compostela, onde tamén estivo presente o alcalde José Antonio Pereira.

Este festexo rende homenaxe a unha tradición culinaria xeracional, a de preparar este típico prato galego nunha pedra de granito. Esta técnica ancestral aporta un sabor único e un recendo inconfundible. Ademais, dada a súa excelente capacidade para distribuir o calor de forma uniforme, logra caracterizar ás filloas dunha textura fina e crocante, complicada de conseguir en tixolas convencionais.

1,5 euros a filloa

A festa arrancará ás 09.30 da mañá coa apertura de portas, cando o recendo xeral a filloa marcará o inicio das degustacións. O prezo de cada unidade deste doce xa patrimonial da Baña será de 1,5 euros, mentres que as racións de orella e chourizo terán un custo de 6 euros.

En canto ás actividades (todas gratuítas), comezarase promovendo o deporte na Baña da man da II Ruta Ciclista da Filloa, un percorrido de dez quilómetros pensado para o público familiar que vestirá de curto aos veciños ás 10.00 horas.

Deseguido, ás 11.00 horas, impartiranse os obradoiros de Treboada, nos que se lles ensinará aos interesados unha tradición musical propia do Baixo Miño, na que a percusión das gaitas e dos tambores marca o ritmo. Collerán a remuda musical as actuacións da Escola de Música Tradicional da Baña e das Atrevidas do Monte, un grupo de pandeireiteiras locais, ás 12.00 horas. Asemade, ás 12.15 horas, será a quenda dunha das propostas máis esperadas da programación: o obradoiro de cestería tradicional a cargo de Luís do Río, no que se porán en valor os saberes tradicionais da nosa artesanía.

Despois, o autor bañense Manuel Iglesias Turnes encargarase de dar o pregón arredor das 13.30 horas. Xa pola tarde, os presentes na Baña bailarán ao ritmo do tardeo, que comezará ás 14.00 horas coa variedade musical do Trío Alborada e continuará co folk dos grupos Bouba e A Requinta de Lampai.

Filloa da Pedra da Baña 2026

Filloa da Pedra da Baña 2026

Filloa da Pedra da Baña 2026

Taller de conciliación

Ademais, Mónica González anunciou unha das novidades desta edición, o taller para crianzas En-mascar-arte, impartido por Mónica Iglesias. Esta iniciativa, que terá lugar ás 16.00 horas, «está pensada para que as familias poidan conciliar e que tanto pequenos coma adultos desfruten da festa ao completo e ao seu xeito», detallou a concelleira cultural. A actividade desenvolverase en dúas sesións diferenciadas, unha dirixida á rapazada de 4 a 8 anos e outra para participantes a partir dos 8 anos, cunha duración aproximada de dúas horas. Para participar é necesario solicitar inscrición previa chamando ao 981 88 65 01 ou a través do correo electrónico correo@concellodabana.gal. Esta proposta fai renacer a figura do home verde, personaxe asociada ao bosque e á natureza, símbolo da chegada da primavera e presente en numerosos edificios galegos medievais, renacentistas e modernistas. A troula rematará cun dos pratos fortes da xornada, o concerto do grupo De Ninghures, unha das novas bandas galegas de maior éxito, que ofrecerá a súa particular mestura de sons actuais e tradicionais.

Tracking Pixel Contents