PRESENTACIÓN
'Toponimia de Zas': memoria histórica e identidade dun territorio
Xosé María Lema recolleu 145 entradas toponímicas de doce parroquias

Xosé María Lema, á esquerda de pé, na presentación de 'Toponimia de Zas'. / Cedida
O auditorio de Baio acolleu a presentación do libro Toponimia de Zas, unha obra de referencia asinada por Xosé María Lema Suárez que afonda na orixe, significado e evolución dos nomes de lugar do concello zaense.
Trátase dunha obra que se enmarca dentro da colección Terra Nomeada, que xa conta con trece volumes, editada pola Real Academia Galega (RAG) coa colaboración da Asociación Galega de Onomástica e o apoio do Concello de Zas.
O acto reuniu arredor de 80 persoas, entre elas destacadas figuras do ámbito cultural e académico, escritoras e escritores, representantes de asociacións e público de distintos puntos da Costa da Morte e de Ferrol, Santiago de Compostela, A Coruña ou Teo.

Asistentes ao acto de presentación do libro en Baio. / Cedida
A presentación contou coa participación de membros da Real Academia Galega, especialistas en onomástica e lingua galega, que coincidiron en salientar o rigor científico, a profundidade da investigación e o valor engadido da obra.
Antón Santamarina, membro da RAG, destacou que o traballo de Xosé María Lema se inscribe nos estudos toponímicos galegos, abordando tanto os topónimos transparentes como aqueles de orixe máis escura. Subliñou especialmente a capacidade do autor para sacar á luz nomes de lugar aparentemente opacos mediante hipóteses sólidas, respectando as leis fonéticas do galego, a coherencia semántica e o sentido común.
Puxo tamén en valor que o libro non se limite á explicación etimolóxica, senón que incorpora información histórica, arqueolóxica, demográfica e etnográfica, converténdoo nunha obra de consulta imprescindible para comprender mellor o territorio e a súa historia.
Criterios científicos
Pola súa banda, a académica Ana Boullón incidiu na complexidade metodolóxica que implica o estudo da toponimia, que require coñecementos da historia da lingua, da documentación histórica, da xeografía e mesmo da evolución dos apelidos.
Neste sentido, salientou que Toponimia de Zas responde plenamente aos criterios científicos da colección Terra Nomeada, e valorou moi positivamente a implicación do Concello de Zas na coedición da obra, como exemplo do papel que poden xogar as administracións locais no estudo da identidade e da memoria colectiva.
A intervención de Evaristo Domínguez serviu para debuxar un amplo retrato da traxectoria vital e intelectual de Xosé María Lema, ao que definiu como unha figura imprescindible no estudo da historia, da onomástica e da cultura da Costa da Morte. Destacou a súa extensa produción investigadora e divulgativa, o seu compromiso coa lingua galega e a súa capacidade para abordar ámbitos moi diversos cunha visión humanista e integradora.
Lugares habitados e desaparecidos
Pola súa banda, Xosé María Lema lembrou que a toponimia non é unha ciencia exacta, senón un campo aberto á revisión constante a partir de novas fontes documentais. O autor explicou que o libro recolle 145 entradas toponímicas correspondentes ás doce parroquias do concello, incluíndo lugares habitados, núcleos desaparecidos e espazos xeográficos de especial interese, e puxo de manifesto como os nomes de lugar constitúen unha auténtica memoria histórica do territorio.
Pechou o acto o alcalde de Zas, Manuel Muíño, quen agradecu á Real Academia Galega que permitise a participación do concello na edición do libro.
Puxo en valor o traballo "rigoroso e paciente" de Xosé María Lema e reafirmou o compromiso do Concello coa promoción da cultura, da investigación e da lingua galega, salientando o esforzo que está a facer o propio concello na edición de obras como esta, na difusión do coñecemento da historia local e nas escavacións arqueolóxicas que se están a desenvolver en Brandomil.
- Anubis Dimitri, el gallego que comparte su vida con cuervos y triunfa en internet: 'Mi motor de vida es ayudar a los animales
- Giro en la hostelería de Santiago: la ciudad pierde bares pero gana restaurantes
- María Renée, la joven que pone voz a las quejas de Pontepedriña por el proyecto 'Entre Sar e Sarela'
- Nuevo movimiento en la 'milla de oro' de Santiago: Ela Diz deja el casco histórico y se va a Xeneral Pardiñas
- El precio de la gasolina no para de aumentar en Santiago y ya supera los 1,75 euros el litro en algunos surtidores
- El juicio por el nombramiento ilegal de la junta directiva del Compostela queda pendiente de Borja Iglesias
- Sellan un boleto de la Bonoloto galardonado con 193.000 euros en la papelería Boo de Milladoiro
- Galicia activa alertas por nieve, viento y lluvia: las precipitaciones pueden superar los 40 litros por metro cuadrado