LABORAL
Os traballadores de Xeal apoian ao comité para acadar un novo convenio colectivo
Os representantes da plantilla acusan á empresa de trasladar "información parcial"

Factoría de fabricación de ferroaleaciones de Xeal en Dumbría. / Xeal
As asembleas de traballadores autorizan ao comité de empresa de Xeal (Energo-Pro), empresa con centros de produción en Cee e Dumbría, a tomar as accións necesarias para lograr que o segundo convenio colectivo sexa unha realidade. "A plantilla expresou de maneira clara e inequívoca o seu apoio á posición defendida polo comité no marco da negociación colectiva", afirma Iván Pequeño.
Asegura que "quedou en evidencia a actuación da dirección da empresa, que trasladou ás persoas traballadoras unha información parcial, interesada e orientada a manipular a súa opinión, omitindo deliberadamente cuestións fundamentais do proceso negociador e falseando a realidade da negociación".
Defender dereitos laborais
Os representantes da plantilla entenden que esta forma de proceder "constitúe un ataque frontal á negociación colectiva e á lexitimidade do comité de empresa como representantes legais das persoas traballadoras, nun intento de desacreditar o seu papel e presentalo como un obstáculo cando o único que fai é defender dereitos laborais fundamentais e o mantemento do poder adquisitivo".
Resulta especialmente grave, engaden, que esta actitude se produza nunha empresa que obtén beneficios económicos moi relevantes, se beneficia de importantes subvencións públicas e opera grazas a unha concesión administrativa para a xeración de enerxía. Nun contexto así, subliñan, "resulta inaceptable e insultante que as persoas traballadoras teñan que seguir asumindo a perda de dereitos sociais e poder adquisitivo, mentres a empresa consolida resultados positivos".
As asembleas, indican dende o comité, "puxeron de manifesto un clima de unidade, indignación e firmeza entre a plantilla, que identifica con claridade esta estratexia como un intento consciente de dividir, presionar e debilitar á súa representación legal, en lugar de avanzar cara a un acordo xusto e equilibrado".
Disposición a negociar
No obstante, desde o comité de empresa reiteran a disposición a negociar, pero advirten que non van consentir "manobras de descrédito, presión ou manipulación informativa, nin aceptar imposicións que vulneren os principios máis elementais da boa fe negociadora".
Sinalan ademais que seguen á espera da resposta da Consellería de Economía e Industria á solicitude de reunión que lle trasladaron coa finalidade de abordar esta situación e procurar "unha vía de solución que garanta o respecto á negociación colectiva e aos dereitos das persoas traballadoras".
- El bar de Santiago donde Felipe VI se despejaba los viernes: así era el mítico Zum Zum
- Ahora hasta las gasolineras venden pasteles': la confitería más antigua de Santiago que hace a mano todos sus dulces
- Detenidos por intento de homicidio una mujer y su hijo tras apuñalar varias veces en el tórax a un hombre en Bertamiráns
- Un incendio en la cafetería Ferradura de la Alameda moviliza a los Bomberos de Santiago
- Aterriza en O Eixo la primera Gran Festa Picheleira: 'Teremos dez horas de música sen parar, carpa e pulpeiro
- Tiendas de pesca de Galicia apuran las ventas ante la inminente apertura de la temporada de río: 'Esta semana es una fiebre
- Una treintena de estudiantes de tres centros educativos de Santiago compitieron en la XLIII Olimpiada Gallega de Química
- Galicia encara un nuevo temporal: lluvia, viento, nieve y avisos en la costa de A Coruña y Pontevedra