Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

CULTURA

Mes de Rosalía en Cee: música, fotografía, maxia e teatro

Unto Vello ergueu o pano cun anticipo do seu disco

Concerto de Unto Vello na casa da cultura de Cee.

Concerto de Unto Vello na casa da cultura de Cee. / Cedida

Cee

O mes de Rosalía achega a Cee unha programación variada na que as artes escénicas seguirán a ser as referentes: música, maxia, teatro e tamén fotografía, ademais dunha mostra bibliográfica sobre a poetisa galega.

Un concerto de Unto Vello ergueu o pano cunha actuación anticipo do disco que presentarán nos vindeiros días. Un proxecto que nace das recollidas de música tradicional galega que fan os seus integrantes: Bieito Pereira e Xabi Gómez. A súa música está dedicada ao baile tradicional, conseguindo facer bailar ao público e tecer comunidade en cada actuación.

Imaxes de Enrique García

Nesta semana que chega, a fotografía será a protagonista da man dun dos referentes da Costa da Morte: Enrique García, coa inauguración da exposición Luz de outono na Costa da Morte. Será o 14 de febreiro ás 12.00 horas, e poderá visitarse de luns a venres de 9.30 a 14.00 e de 16.30 a 19.30 horas, e os sábados de 12.00 a 14.00 horas.

Tralo Entroido, o día 28 chegará a Cee o espectáculo Degustación de imposibles do mago Joshua Kenneth, un artista internacional de orixe galega que viaxa por todo o mundo realizando actuacións de maxia. Participou en programas como Got Talent España ou na famosa serie estadounidense Fool Us de Penn & Teller en Las Vegas.

O mago Joshua Kenneth presentará o seu espectáculo en Cee o día 28.

O mago Joshua Kenneth presentará o seu espectáculo en Cee o día 28. / Cedida

Tamén foi convidado a actuar no prestixioso Magic Castle de Hollywood, en Los Ángeles. A súa maxia foi recoñecida en importantes competicións de Portugal, Bulgaria e Italia, acadando un premio FISM en Turín como segundo mellor mago de toda Europa. O espectáculo comezará ás 19.30 horas e as entradas están á venda en entradium.com.

A programación deste mes de febreiro inclúe tamén unha lembraza especial para Rosalía de Castro, con motivo do 189 aniversario do seu nacemento. Ademáis da referida mostra bibliográfica, que se poderá ver na Biblioteca Pública Municipal Francisco Mayán, o martes 24 ás 11.00 horas, presentarase o espectáculo Contos de brétema e luz para coñecer a Rosalía de Castro para o alumnado dos colexios Manuela Rial e Vila de Cee, así como das escolas unitarias de Brens e Pereiriña.

Tracking Pixel Contents