Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

SERVIZOS

Vive+, o plan integral de Coristanco para un envellecemento activo e saudable

O programa busca o coidado emocional e o fortalecemento das relacións sociais

O alcalde, Juan Carlos García, no centro, presentando o programa Vive+.

O alcalde, Juan Carlos García, no centro, presentando o programa Vive+. / Cedida

Coristanco

O Concello de Coristanco presentou hoxe o programa VIVE+, unha iniciativa integral de envellecemento activo deseñada para mellorar a calidade de vida das persoas maiores do municipio, promovendo a súa autonomía, participación social e benestar físico, cognitivo e emocional.

O obxectivo, segundo o alcalde, Juan Carlos García, "é impulsar un modelo de envellecemento activo, saudable e participativo, acorde coa realidade e as necesidades da veciñanza, apostando por un enfoque preventivo, comunitario e adaptado á contorna local". Desta maneira, VIVE+ propón unha programación estable, accesible e diversa, indo máis aló da saúde física para atender o coidado emocional, a estimulación mental e o fortalecemento das relacións sociais.

Benestar da veciñanza

"VIVE+ busca ser un espazo de encontro, aprendizaxe e acompañamento, no que as persoas participantes son protagonistas no seu proceso de envellecemento, promovendo unha visión positiva, digna e participativa desta etapa”, puntualizou o rexedor, quen asegurou que este programa forma parte “da aposta do Concello de Coristanco polas políticas sociais e o benestar da veciñanza, promovendo iniciativas que fortalecen a cohesión social, a prevención e a mellora da calidade de vida das persoas maiores do noso municipio".

Liñas de actuación

O programa estrutúrase arredor de grandes áreas de actuación: exercicio físico adaptado, orientado á mellora da mobilidade e da autonomía funcional; nutrición e hábitos saudables, como ferramenta clave para a prevención de enfermidades e o mantemento da saúde; convivencia e participación comunitaria, fomentando a implicación activa na vida social e combatendo a soidade non desexada; memoria e estimulación cognitiva, para o mantemento das funcións mentais e a prevención do deterioro; e creatividade e expresión artística, como medio de comunicación, estimulación e desenvolvemento persoal.

Ademais, para aquelas persoas que teñen dificultades para desprazarse ofrécese un servizo de apoio ao transporte para facilitar a participación nas actividades. Esta opción debe ser consultada no momento de realizar a inscrición.

Tracking Pixel Contents