Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

HUMIDAL

Plan para a lagoa de Traba de Laxe: ampliar a lámina de auga e mellorar a biodiversidade

Estudarán o funcionamento máis axeitado para a conexión e desaugadoiro cara ao mar.

O alcalde de Laxe coa conselleira de Medio Ambiente, á dereita.

O alcalde de Laxe coa conselleira de Medio Ambiente, á dereita. / X. G.

Laxe

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, explicoulle ao alcalde de Laxe, Francisco Charlín, que a Xunta está a ultimar o proxecto para restaurar a lagoa de Traba, que é un humidal que, ademais de estar incluído no catálogo de zonas húmidas de Galicia, forma parte da Rede Natura 2000 como Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e Lugar de Importancia Comunitaria (LIC).

A actuación de mellora ambiental está incluída no Plan de restauración de humidais que prevé investir 4,65 millóns de euros nestas áreas das catro provincias galegas ata o ano 2028.

No caso concreto da lagoa de Pasarela e Traba, o obxectivo é ampliar a lámina de auga e mellorar a biodiversidade desta área, así como a vexetación das marxes e os ciclos hidrolóxicos.

De feito, estudarase o funcionamento máis axeitado para a súa conexión e desaugadoiro cara ao mar. Ademais, o proxecto integrará todos os intereses implicados, desde os ambientais ata o mantemento de aproveitamentos tradicionais sostibles na contorna.

Ecosistema clave para as aves

Este espazo natural constitúe un ecosistema clave para moitas especies de aves, tanto sedentarias como invernantes. Así, é un dos 646 espazos naturais de tipo humidal inventariados en Galicia, que, ademais, é a cuarta comunidades española con máis humidais incluídos na lista Ramsar, que é un rexistro internacional que integra as zonas húmidas más importantes do mundo polo seu interese ecolóxico e transcendencia para a conservación da biodiversidade.

Son, concretamente, a ría de Ribadeo; as rías de Ortigueira e Ladrido; lagoa e areal de Valdoviño; o complexo de Corrubedo; o complexo intermareal Umia-O Grove; e o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas.

Servizos para a sociedade

"Estes ecosistemas son vitais para proporcionar servizos esenciais para o medio ambiente e a sociedade, como, por exemplo, regulación hídrica, protección fronte ás inundacións, depuración de augas, almacenamento de carbono ou sostén da biodiversidade", subliñan dende a consellería.

Tracking Pixel Contents