Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Adxudicada por 789.000 euros a construción da nova escola infantil de Padrón

A empresa padronesa Elite e a madrileña Consvial serán as encargadas da obra, comprometéndose a rematala nun prazo de seis meses

Entrada da escola infantil situada en Carcacía.

Entrada da escola infantil situada en Carcacía. / Cedida

Padrón

A unión temporal de empresas (UTE) formada pola empresa padronesa Elite e a madrileña Consvial será a encargada de construír a nova escola infantil de Padrón, segundo o acordo que hoxe tomou a mesa de contratación, que adxudicou a obra á UTE de entre as cinco que se presentaron á licitación.

As dúas firmas comprométense a reformar o edificio nun prazo de seis meses e cun orzamento de 789.314,31 euros, lixeiramente inferior aos 800.000 que tiña asignados o Concello como máximo.

A Xunta de Goberno Local de Padrón ratificará o vindeiro martes a proposta de adxudicación da mesa de contratación, que seleccionou a oferta de Elite e Consvial como a mellor das cinco presentadas. A este proceso de licitación público e transparente tamén se presentaron outras catro empresas, “o que demostra o interese a solvencia do proxecto”, indicou o alcalde, Anxo Arca.

Ao coñecer a proposta da mesa de contratación, o rexedor resaltou que na unión temporal de empresas adxudicataria figure unha firma padronesa. Por outra banda, criticou que cando todo o mundo sabía que a reforma do edificio estaba en licitación “se difundisen mensaxes alarmistas” sobre a escola infantil. “Fronte ao ruído interesado, o Concello optou por seguir avanzando, con discreción e responsabilidade, cara a unha solución definitiva”, afirmou o líder do goberno padronés.

Unha vez rematadas as obras, “Padrón vai ter unha escola infantil do século XXI, concibida para ofrecer espazos dignos, accesibles, saudables e plenamente adaptados ás necesidades educativas actuais, tanto das crianzas coma dos profesionais que traballan nela e das familias”, engadiu Arca.

O alcalde volveu recordar que a decisión do actual equipo de goberno socialista “resulta da responsabilidade ineludible” da reforma integral do centro, ante a situación do edificio anterior.

Tracking Pixel Contents