Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Os amantes dos videoxogos teñen unha cita en Carballo: Atlantic Games Conference

Terá lugar do 9 ao 12 de abril e incluirá exposicións, charlas, talleres e exhibicións

A Atlantic Games Conference terá lugar no Fórum Carballo, onde haberá una zona expositiva con 18 postos.

A Atlantic Games Conference terá lugar no Fórum Carballo, onde haberá una zona expositiva con 18 postos. / Cedida

Carballo

Carballo reafírmase como punto de referencia para o sector dos videoxogos coa celebración, entre os días 9 e 12 de abril, da segunda edición da Atlantic Games Conference, unha iniciativa organizada polas concellerías de Mocidade e de Promoción Económica.

Tras a boa acollida da estrea, o encontro regresa cun programa reforzado que combina formación para profesionais, espazos de exhibición, actividades divulgativas e propostas pensadas para achegar o videoxogo a novos públicos.

A programación comezará o 9 de abril con dous obradoiros especializados. O titulado Xogar para falar de xogar: un achegamento á mediación cultural con videoxogos, orientado a persoal de bibliotecas e educadores, será impartido por Lucas Ramada na Biblioteca Rego da Balsa.

Na mesma xornada, Marina González ofrecerá no bar O Bodegón o taller Tecendo píxeles: do dixital ao físico, dirixido a público adulto.

O eixo central da Atlantic Games Conference terá lugar os días 10 e 11 de abril, cunha ampla zona expositiva no Fórum Carballo na que participarán 18 postos para amosar videoxogos e o traballo de entidades vinculadas ao medio.

O programa completarase con charlas de profesionais de primeiro nivel e diferentes talleres, favorecendo o encontro entre a comunidade creadora, o estudantado e as persoas afeccionadas.

Como peche, o 12 de abril celebrarase nas Escolas do Xardín a charla A outra historia do videoxogo, a cargo de Isi Cano, unha proposta divulgativa aberta a todo o público.

Coa continuidade desta cita, Carballo dá un paso máis na súa estratexia de impulso ao videoxogo como ámbito de creación cultural, innovación e aprendizaxe compartida, fortalecendo unha marca que aspira a converterse nun referente dentro e fóra de Galicia.

Tracking Pixel Contents