Muxía adquire un vehículo eléctrico para servizos municipais
Foi financiado con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental

Do Campo, dereita, coa tenente de alcalde, Sandra Vilela, e un axente, xunto ao vehículo adquirido. / Cedida
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Muxía, Javier Sar, supervisou os novos equipamentos municipais adquiridos ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental da liña non competitiva do ano pasado.
O proxecto, que contou cunha achega da Xunta de máis de 57.000 euros, foi o Plan de Mobilidade e Medio Ambiente Sustentable que permitiu dotar ao muncipio de novos medios técnicos destinados tanto á mellora da mobilidade municipal como ao reforzo das tarefas de coidado e protección do medio ambiente.
En concreto, contemplou a adquisición dun vehículo eléctrico enchufable SUV 100% eléctrico, xunto co seu correspondente punto de recarga, para uso dos servizos municipais, así como diversa maquinaria especializada para labores medioambientais.
O obxectivo principal deste proxecto foi reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro mediante o fomento da mobilidade eléctrica e, ao mesmo tempo, protexer e restaurar os espazos naturais do termo municipal.
No ámbito da protección e restauración do medio natural, incorporouse un novo equipamento para mellorar actuacións como a limpeza de camiños, a recuperación de áreas naturais e o mantemento das zonas verdes do municipio. Entre o material adquirido figuran seis desbrozadoras, dúas motoserras de uso profesional, unha formigoneira eléctrica e unha desbrozadora con rodas, reforzando así a capacidade operativa dos servizos municipais.
Do Campo informou que o ano pasado recibiron estas achegas, de concorrencia non competitiva, 11 concellos da comarca de Bergantiños-Costa da Morte (Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cerceda, Coristanco, Dumbría, A Laracha, Malpica, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas) por un importe de máis de 545.000 euros e na provincia da Coruña beneficiáronse desta orde 49 concellos por un importe total de máis de 2,2 millóns de euros.
Nova orde
A representante do Goberno autonómico aproveitou a visita para anunciar que a Xunta xa publicou a nova orde de axudas do Fondo de Compensación Ambiental para apoiar os concellos na mellora do medio natural. O prazo para solicitar as achegas remata o 6 de marzo.
A delegada explicou que neste exercicio a Xunta incrementa o orzamento da iniciativa a máis de 11,4 millóns de euros, fronte aos 11,2 de anteriores convocatorias. Outra das novidades é a prioridade dos proxectos de mellora ou reparación das redes municipais de saneamento e abastecemento de auga potable que foran afectadas polos incendios forestais do verán de 2025.
A orde distingue dúas liñas de axudas, unha en concorrencia non competitiva, dotada con 6 millóns de euros, e outra en concorrencia competitiva, á que se asignan 1,9 millóns de euros.
A liña non competitiva vai dirixida aos concellos nos que haxa parques eólicos e liñas de evacuación e a liña competitiva, a todos os concellos, mancomunidades ou consorcios locais de Galicia, sempre que estean participados por un ou varios concellos. Cada municipio pode presentar ata dúas solicitudes, sempre que unha sexa individual e outra conxunta. Cada unha delas debe corresponderse cun único proxecto, que, no caso das solicitudes individuais de concellos, pode abranguer varias accións.
Accións subvencionables
As accións subvencionables deberán destinarse a actuacións que respondan a criterios como a conservación da biodiversidade, o coñecemento e utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, a recuperación de espazos degradados ou contaminados, o impulso da eficiencia enerxética e o uso sustentable das enerxías renovables, así como outras actuacións de protección ambiental.
Entre os proxectos que poderán optar ás axudas inclúense campañas de sensibilización e divulgación ambiental, auditorías e certificacións enerxéticas en edificios municipais, plans de implantación de estratexias enerxéticas, actuacións de mellora da eficiencia na iluminación pública e redución da contaminación lumínica, melloras na envolvente térmica dos edificios, modernización da iluminación interior, sistemas de climatización eficientes, instalación de caldeiras de biomasa e paneis solares térmicos, medidas de aforro de auga, instalación de ascensores eficientes e adquisición de equipamento de alta eficiencia enerxética.
Tamén serán subvencionables a adquisición de vehículos con distintivo ambiental cero emisións ou eco, así como vehículos destinados á protección do ambiente, á prevención e xestión de situacións de risco e á recollida e traslado de residuos.
Poderanse financiar igualmente centros de interpretación ambiental, aulas da natureza, paseos, áreas recreativas e rutas de sendeirismo situadas en zonas con valores ambientais, actuacións de integración paisaxística en núcleos rurais, proxectos de saneamento e abastecemento de augas, recuperación de espazos degradados, medidas para reducir os riscos derivados da exposición ao gas radon en edificios municipais e adquisición de equipamento para o control ambiental, como sonómetros e sistemas de toma de mostras, entre outras.
O PSOE crtica o destino da subvención
O PSOE de Muxía califica a adquisición dun vehículo eléctrico "de alta gama" mediante a subvención do Fondo de Compensación Ambiental de “pouco ética,
estética e funcional".
A formación sinala que "o anterior Goberno liderado por Iago Toba dedicou esta mesma liña de subvención á adquisición de elementos de gran utilidade para a veciñanza como un camión de recollida de voluminosos do puntolimpo, plásticos agrícolas e traballo de servizos múltiples; unha retroescavadora; a renovación de puntos de luz dos edidicios municipaise a renovación do entorno da fonte da Virxe do Espiño, en Trasufre.
“Con estas accións vense as diferenzas entre equipos de goberno e as súas prioridades: uns pensamos nos veciños e en como mellorar o rural e outros pensan
en comprar vehículos eléctricos de alta gama, cando en todo municipio non existe nin un punto público de recarga deste tipo de vehículos e cando existen núcleos onde son frecuentes as averías durante semanas do propio alumeado público ou de telecomunicacións básicas como Internet ou telefonía”, denuncia o portavoz socialista, Iago Toba.
- El bar de Santiago donde Felipe VI se despejaba los viernes: así era el mítico Zum Zum
- Ahora hasta las gasolineras venden pasteles': la confitería más antigua de Santiago que hace a mano todos sus dulces
- Detenidos por intento de homicidio una mujer y su hijo tras apuñalar varias veces en el tórax a un hombre en Bertamiráns
- Un incendio en la cafetería Ferradura de la Alameda moviliza a los Bomberos de Santiago
- Aterriza en O Eixo la primera Gran Festa Picheleira: 'Teremos dez horas de música sen parar, carpa e pulpeiro
- Tiendas de pesca de Galicia apuran las ventas ante la inminente apertura de la temporada de río: 'Esta semana es una fiebre
- Una treintena de estudiantes de tres centros educativos de Santiago compitieron en la XLIII Olimpiada Gallega de Química
- Galicia encara un nuevo temporal: lluvia, viento, nieve y avisos en la costa de A Coruña y Pontevedra