Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Detrás dun mini-papamóbil ou dun xigante prato de polbo: así troulean as tropas de don Carnal

O festival de Lousame xuntou 700 persoas, en Porto do Son proclamáronse reis do Entroido Lía e Hugo, e en Muxía presentou a gala Isi

Un neno no seu papamóvil no desfile de Porto do Son.

Un neno no seu papamóvil no desfile de Porto do Son. / Cedida

Ribeira

Nin a chuvia nin o vento conseguen parar a troula das tropas de don Carnal esta fin de semana de Entroido nos concellos do cinto compostelán.

O festival celebrado este sábado en Lousame foi un dos máis concorridos que se recordan, e o Concello tivo que colgar o cartel de “non hai billetes” cinco días antes da súa celebración.

Preto de setecentas persoas participaron no festival, no que o alcalde Esteban Ares, e a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, fixeron entrega dos tres vales por 300, 200 e 100 euros en material deportivo sorteados entre as case noventa persoas participantes no desfile de disfraces.

O alcalde de Lousame, Esteban Ares, con cinco expertas filloeiras.

O alcalde de Lousame, Esteban Ares, con cinco expertas filloeiras. / Cedida

A tarde comezou moi animada coa música rock de Pakolas, que durante algo máis dunha hora presentou á rapazada o seu espectáculo A Ramona pequena vai á lúa, rematando coa interpretación dalgúns dos seus temas máis populares. O propio Pakolas lanzou un foguete para que abriran as súas portas os inchables e a degustación gratuíta de filloas e orellas, elaboradas por cinco cociñeiras lousamiás.

Os cativos gozaron tamén cun touro mecánico en Lousame.

Os cativos gozaron tamén cun touro mecánico en Lousame. / Cedida

Mentres tanto, o polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra era unha gran festa, cunha zona de música coa rapazada xogando e correndo; unha zona central con catro grandes inchables; e unha terceira área onde se podían recoller as orellas e as filloas, ou tamén mercar chocolate con churros nun posto da Churrería Rafa.

O público gozou tamén cos xogos de cartas do mago Charly Braun, quen presentou o desfile.

A comparsa Nicradance animou o desfile do Entroido en Negreira

Cedida

En Negreira centos de persoas gozaron cun espectacular desfile que contou coa animación da comparsa Nicradance, que participaba por cuarta vez no Entroido local, despois das montaxes de Grease, George Dan e O Circo, estreando nesta ocasión unha nova montaxe. Nicradance está formada por un cento de persoas , incluíndo bailaríns, técnicos de son e luz, etc. Este ano presentaron tres carrozas.

A comparsa Nicradance desfilando polas rúas de Negreira.

A comparsa Nicradance desfilando polas rúas de Negreira. / Cedida

Polbo á Barcalesa en comparsas e El show del gran hotel de Remolóns, en carrozas, foron as grandes triunfadoras no desfile de Entroido de Negreira.

Algo máis de cincocentas persoas participaron no xenuino desfile e concurso do Entroido barcalés nunha tarde que invitaba a saír á rúa, e así o fixo o público que abarrotou o percorrido do desfile.

Carroza de Polbo á Barcalesa.

Carroza de Polbo á Barcalesa. / Abraham Fotógrafas

Na categoría de disfraces individuais e parellas gañaron Un cuento distinto (Brión), Vamos de pesca (Laraño) e Sirena en apuros (Negreira); na de grupos medianos, Saíron finos e volveron podres (Ordes), As medusas suben o tambre (Negreira) e As marcianas do Barcala (Negreira); na de grupos locais, Sawasdee Thailand, Rufito,s Take Away e Invasión Barcalesa; na de carrozas, El show del gran hotel-Os Remolóns (Vilagarcía de Arousa), Dulce fantasía (Rianxo), Polbo á Barcalesa (Negreira) e Nicradance-Tu cara me suena (Negreira); e na de comparsas, Polbo á Barcalesa (Negreira), Nicradance-Tu cara me suena (Negreira), Dulce fantasía (Rianxo) e Os Remolóns (Vilagarcía de Arousa).

Unha das carrozas da comparsa Nicradance.

Unha das carrozas da comparsa Nicradance. / Abraham Fotógrafas

O Premio Juan Varela á mellor copla foi para Invasión Barcalesa.

En Rois, Aquelarre portus ébora, As pericas do Porto e Plántate... que te comemos foron as tres comparsas gañadoras no concurso celebrado este sábado.

Máis de 350 persoas participaron no desfile entre a casa consistorial e un abarrotado polideportivo municipal, onde se celebrou o concurso. Máis de mil persoas participaron na festa. O Concello repartiu máis de 2.000 euros en premios.

O xurado elixiu os mellores disfraces. Os gañadores foron: Rubik, El Pompero e Pepa a Loba (na categoría individual ata 12 anos); Maduro detido (individual de máis de 12 anos); As vellas da aldea, Abelliñas doces facendo mel e Os pequenos astronautas (parellas ou tríos); Os de Jris e Stabilo Rois (comparsas infantís de 4 a 12 membros); 12.16 Radio e Os piratas de Sorribas (comparsas xerais de 4 a 12 membros); e Aquelarre portus ébora, As pericas de Porto e Plántate... que te comemos (comparsas de máis de 13 membros).

Comparsa Plántate... que te comemos.

Comparsa Plántate... que te comemos. / Cedida

En Oroso, o alcalde, Álex Doval, sumouse á festa disfrazado de Superman. Este luns a partir das 18.00 horas será a quenda dos máis cativos coa festa de disfraces con discomóbil na carpa instalada diante do polideportivo.

O alcalde de Oroso, Álex Doval, centro, disfrazado de Superman ante unha autocaravana dedicada ao mítico programa de TV 'Lo que necesitas es amor'.

O alcalde de Oroso, Álex Doval, centro, disfrazado de Superman ante unha autocaravana dedicada ao mítico programa de TV 'Lo que necesitas es amor'. / Cedida

En Camariñas, Fíos de Salitre, Mocatriz e Trubusquiñas gañaron o primeiro, o segundo e o terceiro premio, respectivamente, no concurso de comparsas de Ponte do Porto.

Unha das comparsas gañadoras do concurso celebrado en Camariñas.

Unha das comparsas gañadoras do concurso celebrado en Camariñas. / Cedida

En Val do Dubra o concurso de disfraces encheu as rúas de cor, creatividade e bo ambiente. A tarde comezou co pasarrúas da charanga Santa Compaña, seguido do desfile de comparsas e disfraces.

O concurso de disfraces foi conducido por Salomé Beiroa. Na categoría de comparsas, o primeiro premio foi para Os gardiáns do Moroso (900 €); na de parellas, para Érase unha vez (200 €); e na de individual, para Locomotora Anos 50 (150 €).

Asistentes ao festival celebrado en Val do Dubra.

Asistentes ao festival celebrado en Val do Dubra. / Cedida

A festa continuou co animado baile a cargo de DJ Ferre. En Val do Dubra a troula continuará o martes 17 de marzo co Entroido Infantil no pavillón municipal, con desfile, festa e a tradicional Queima do Meco.

Participantes no desfile de Entroido celebrado en Val do Dubra.

Participantes no desfile de Entroido celebrado en Val do Dubra. / Cedida

En Porto do Son, o primeiro premio do concurso na categoría de individuais foi para unha nena enfundada nun xigante prato de polbo; o segundo, para un neno que conducía o seu peculiar papamóbil; e o terceiro, para unha nena caracterizada de Pippi Langstrump.

Na categoría de parellas gañaron Nora e Lía lendo a Rosalía. E na de grupos, Gardiáns do bosque máxico.

Unha nena disfrazada de polbo xigante gañou o primeiro premio na categoría individual en Porto do Son.

Unha nena disfrazada de polbo xigante gañou o primeiro premio na categoría individual en Porto do Son. / Cedida

Pero o Entroido sonense ten tamén rei e raíña: Lía Gago Calo (Fantasía) e Hugo Rey Pérez (Isto foi algunha vez).

Na Pobra do Caramiñal, a compañía Troula Animación encheu a noite do sábado as rúas da vila con música e diversión co seu espectáculo Lume.

Espectáculo de Troula Animación nas rúas da Pobra.

Espectáculo de Troula Animación nas rúas da Pobra. / Cedida

En Muxía, a gala de Entroido foi presentada polo humorista Isi. Os primeiros premios do certame, que foron entregados pola tenente de alcalde, Sandra Vilela, foron para Fada dos contos (infantil); Avoa galega (adultos); Os do Imserso (grupos); e Trubisquiñas de Vimianzo-A fábrica da luz (comparsas).

O humorista Isi presentou a gala de Entroido en Muxía.

O humorista Isi presentou a gala de Entroido en Muxía. / Cedida

Tamén en Laxe centos de persoas gozaron dunha festa de Entroido no pavillón na que houbo degustación de produtos típicos destas datas e moi música a cargo de varios grupos.

Varios grupos animaron musicalmente a festa en Laxe.

Varios grupos animaron musicalmente a festa en Laxe. / Cedida

E, como nunca choveu que non escampara, algúns concellos optan por aprazar actividades. É o caso do Concello do Pino, que decidiu aprazar o desfile de Entroido para o domingo 22 de febreiro, mantendo o mesmo percorrido, horarios e programación. Tamén se amplía o prazo de inscrición ata o 22 de febreiro, día do desfile. O Concello repartirá máis de 3.000 euros en premios.

Tracking Pixel Contents