Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O eterno sorriso de Pilar

Amigos e compañeiros lembran a Pilar Díaz- Caso (Tineo, 1969-Santiago, 2026), ex directora da EFA Piñeiral de Arzúa, falecida o pasado venres nun accidente de tráfico en Curtis

Pilar Díaz-Caso, exdirectora da EFA Piñeiral de Arzúa, falecida o pasado venres en accidente de tráfico

Pilar Díaz-Caso, exdirectora da EFA Piñeiral de Arzúa, falecida o pasado venres en accidente de tráfico / CEDIDA

Arzúa

Agora que todo o mundo fala do problema da España baleirada, nós poñemos o noso graniño de area para que haxa actividade económica no medio rural”. Isto contaba Pilar Díaz- Caso fai máis dun lustro. Facíao falando do labor da EFA Piñeiral, en Arzúa, un dos tres centros da Federación Efas de Galicia, de cuxo equipo docente formaba parte e foi a directora durante un tempo.

Pilar faleceu o pasado venres, vítima da colisión frontal entre dous vehículos ocorrida en Fisteus (Curtis). O feito conmocionou tanto a docenes e alumnos da Efa Piñeiral como na comarca de Arzúa: “Acabo de decatarme e aínda estou impactado. Sintoo moitísimo, persoalmente gárdolle un enorme aprecio profesional e sobre todo un recordo imborrable de boa persoa”. Era a mensaxe dun empresario e colaborador de Piñeiral. E é que desde a súa chegada á EFA Pilar apostou por impulsar as relacións do centro con institucións, axentes sociais, tecido asociativo e empresarial.

Inculcar aos alumnos o compromiso social e a necesidade de que tomen as rendas do desenvolvemento do seu lugar de orixe é un obxectivo prioritario de Piñeiral”, salientaba esta muller nada en Asturias; que pasou gran parte da súa vida en Valladolid e desde 2016 residía en Santiago de Compostela.

Tras estudar económicas desenvolveu a súa actividade en entidades e institucións do terceiro sector e da formación, sempre moi vencellada á responsabilidade social corporativa e ao desenvolvemento rural. Pilar compaxinaba o seu labor docente con tarefas de coaching xa que se formou tamén en intelixencia emocional.

Grande profesional pero sobre todo grande persoa. Sorte tivemos os que te coñecimos e disfrutamos de ti, do teu saber e do teu carisma”; “Os que a coñecimos fomos afortunados polas súas ensinanzas, polos seus ánimos,polos seus consellos...” son algunas das declaracións que alumnado e antiguo alumnado da Efa Piñeiral están a trasladar tras coñecerse o seu pasamento.

Pilar foi unha compañeira no sentido máis amplo da palabra. Unha persona dunha extraordinaria calidade humana e profesional capaz, en pouco tempo, de facerse co respeto e cariño de toda a comunidade educativa e social”, manifesta Raquel Carregal, actual directora da Efa Piñeiral.

Do seu carácter destacan quen a coñecía que sempre poñía ás persoas en primeiro lugar e, sobre todo, aluden ao seu sorriso permanente, ese co que a queren lembrar porque é un sorriso eterno.

O vindeiro xoves día 20 durante a mañá celebrarase na Igrexa parroquial de Santiago de Arzúa unha misa na súa memoria.

Tracking Pixel Contents