Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

CULTURA

Quique García, o fotógrafo que fixo "memoria colectiva" dende Cee

Cincuenta das súas imaxes amosan a 'Luz de outono na Costa da Morte'

Quique García sinalando unha das 50 imaxes que compoñen a exposición.

Quique García sinalando unha das 50 imaxes que compoñen a exposición. / Cedida

A Casa de Cultura de Cee acolle a exposición Luz de Outono na Costa da Morte, do fotógrafo Quique García, quen adicou toda a súa vida á fotografía, empezando como axudante do seu pai, o tamén fotógrafo Leonardo García.

García, como o coñecen en Cee e en toda comarca, é un gran retratista, formado cos grandes mestres da fotografía nacional, como Maura e Gordillo, e internacional, como Bruno Alberghini e René Ona. Seguiu tamén a estela de grandes fotógrafos da Costa da Morte, como os históricos Ramón Caamaño ou Vidal.

A alcaldesa agasallando ao fotógrafo cunha réplica do IES Fernando Blanco.

A alcaldesa agasallando ao fotógrafo cunha réplica do IES Fernando Blanco. / Cedida

Valéndose dos seus coñecementos sobre a luz e o impacto que esta ten na fotografía, Luz de outono na Costa da Morte, está formada por unha escolma de máis de 50 fotografías realizadas á maneira tradicional en blanco e negro.

O acto inaugural estivo presidido pola alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, quen afirmou que "abrimos unha fiestra á memoria, á luz e á identidade da nosa terra, da man dun ceense que, sen facer ruído, converteuse nun dos grandes cronistas visuais da Costa da Morte".

Asistentes ao acto inaugural da mostra na Casa da Cultura, de Cee.

Asistentes ao acto inaugural da mostra na Casa da Cultura, de Cee. / Cedida

Quique, engadiu, "medrou entre cámaras, carretes e revelados. Moitos lembramos aquela figura discreta nas procesións da Xunqueira ou de San Roque, agardando o instante preciso. Porque fotografar non é só mirar: é saber esperar. E Quique aprendeu moi cedo a dominar a luz, mesmo cando parecía indomable".

Fixo ademais un percorrido pola súa traxectoria profesional, lembrando que comezou a finais dos anos cincuenta, coa chamada “cámara de minuto”, percorrendo parroquias e lugares. Retratos, fotos de carné, escenas cotiás… "Pero tamén algo máis profundo: o contacto coa xente. Porque quen quere capturar a alma dun pobo ten que coñecelo de preto. E Quique sempre soubo escoitar antes de disparar", engadiu a rexedora.

Humildade e compromiso

En 1971 iniciou oficialmente a súa etapa profesional. Retratista minucioso, testemuña de vodas, bautizos e comuñóns, dominador do laboratorio en branco e negro.

Un ano despois herdou o estudo familiar e obtivo o carné profesional en Madrid. Formouse con grandes nomes da fotografía e participou en congresos e demostracións con firmas como Fuji, Kodak ou Polaroid. "Pero nunca perdeu o esencial: a humildade e o compromiso coa súa terra", subliñou Margarita Lamela.

"Puido marchar. Ofrecéronlle horizontes máis amplos. Mais escolleu quedar. Porque o seu mundo estaba aquí. E grazas a esa decisión, hoxe a historia visual de Cee leva a súa pegada: nas publicacións de X. Miguel González Fernández, nas primeiras guías turísticas, nos catálogos da Fundación Fernando Blanco, no libro Educación e Patrimonio", apuntou a rexedora.

Ollada íntima e serena

"Quique non só fixo fotografías: fixo memoria colectiva", remarcou. Esta exposición é un resumo da súa ollada: "íntima, serena, fonda. Unha luz de outono que non apaga, senón que envolve. Que nos lembra quen somos e de onde vimos", concluíu a rexedora.

A mostra poderá visitarse ata o 14 de marzo, de luns a venres de 9.30 a 14.00 e de 16.30 a 19.30 horas. Os sábados pola mañá de 12.00 a 14.00 horas.

Tracking Pixel Contents