Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O BNG de Brión desmente que existise unha negociación orzamentaria de 3 meses co Goberno local

A organización acusou ao executivo de "gobernar como se tivese maioría absoluta, sen diálogo nin negociación coa oposición —o BNG—, nin tampouco ter en conta a veciñanza"

Imaxe dunha sesión plenaria anterior en Brión.

Imaxe dunha sesión plenaria anterior en Brión. / Cedida

Brión

O Bloque Nacionalista Galego de Brión rexistrou o 5 de febreiro un escrito no que esixe a rectificación inmediata dunha nota de prensa municipal difundida tras o pleno extraordinario celebrado o día 4. O BNG denuncia que a información trasladada polo Goberno local aos medios de comunicación contén «erros graves e información falsa» que deturpa o sucedido na sesión e deixa este grupo «nunha situación de indefensión ante a opinión pública».

O escrito rexistrado solicita a rectificación das declaracións en que o alcalde asegura que existiu unha negociación orzamentaria de tres meses co BNG. «Pensamos que fora un lapsus do alcalde no pleno, até que lemos a súa nota de prensa. Non houbo ningunha chamada á negociación dos orzamentos nin en 2025 nin en 2026», afirma o voceiro da organización, Xosé Penas.

O voceiro nacionalista lembra que os orzamentos de 2025 foron unha prórroga dos de 2024, xa no contexto do pacto de goberno entre PSOE e PP, e para 2026 "non existe a día de hoxe nin proposta orzamentaria, nin data de pleno para debatelos", sinala.

Así as cousas, o BNG acusa ao Executivo local de "gobernar como se tivese maioría absoluta, sen diálogo nin negociación coa oposición —o BNG—, nin tampouco ter en conta a veciñanza".

Defensa da igualdade e creación de espazos de lecer

Asemade, os nacionalistas de Brión defenderon no último pleno unha moción con motivo do 8 de marzo reivindicando a necesidade de "avanzar cara a unha igualdade real e efectiva" fronte ao que cualifica como “rearmamento do machismo”.

A formación tamén defendeu no pleno as demandas que lle trasladou a asociación de nais e pais (Anpa) do IES Brión, que reclama a creación de espazos de lecer para adolescentes, melloras urxentes nas instalacións e unha comunicación clara e con datas concretas sobre as actuacións previstas, especialmente no que atinxe ao patio e ás condicións ambientais do centro. O grupo tamén pediu implicación efectiva do Concello para apoiar as necesidades do instituto e da comunidade educativa.

Tracking Pixel Contents