Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Laracha redimensiona o punto limpo, que agora recibirá tamén materia vexetal e plásticos de silo

O Concello estrea tamén o servizo de recollida nas trece parroquias

Zona ampliada no punto limpo da Laracha.

Zona ampliada no punto limpo da Laracha. / Cedida

A Laracha

O Concello da Laracha puxo en servizo este luns a zona ampliada das instalacións do punto limpo municipal e o novo punto limpo móbil, dous servizos complementarios que supoñen un paso decisivo na modernización e mellora do servizo de xestión de residuos na localidade.

A ampliación do punto limpo, situado xunto á ponte do Formigueiro, supuxo un investimento de 250.000 euros. O proxecto permitiu acondicionar e integrar unha parcela contigua (adquirida polo Concello), dotando as instalacións de maior superficie operativa, mellores accesos e unha organización máis eficiente dos espazos destinados á recepción, separación e almacenamento dos residuos.

A ampliación posibilita, ademais, a incorporación de novos servizos demandados pola veciñanza, como o depósito de materia vexetal por parte de particulares (pequenos restos de poda, céspede e residuos similares de orixe doméstica) e o depósito de plásticos de silo por parte de persoas non profesionais do sector agrario, facilitando así unha xestión axeitada deste tipo de materiais.

O punto limpo manterá o seu horario habitual de apertura: os luns de 15.00 a 20.00 horas; os mércores e venres de 16.00 a 20.00 horas; e os sábados de 09.00 a 14.00 horas.

En canto ao punto limpo móbil, trátase dun vehículo tipo pick-up eléctrico adquirido por 82.000 euros, que permitirá achegar o servizo ás trece parroquias do municipio. Esta iniciativa facilitará o depósito separado de diferentes tipos de residuos, favorecendo o seu posterior tratamento e reciclaxe e reducindo os desprazamentos dos particulares ata as instalacións fixas.

O punto limpo móbil instalarase nas parroquias por períodos dunha semana de acordo ao seguinte calendario, con chegada a cada un dos puntos sempre os luns pola tarde e retirada o luns seguinte ao mediodía: do 16 ao 23 de febreiro en Torás; do 23 de febreiro ao 2 de marzo en Lestón; do 2 ao 9 de marzo en Caión; do 9 ao 16 de marzo en Lendo; do 16 ao 23 de marzo en Lemaio; do 23 ao 30 de marzo en Cabovilaño; do 30 de marzo ao 6 de abril en Vilaño; do 6 ao 13 de abril en Golmar; do 13 ao 20 de abril en Montemaior; do 20 ao 27 de abril en Soandres; do 27 de abril ao 4 de maio en Erboedo; do 4 ao 11 de maio en Coiro; e do 11 ao 18 de maio en Soutullo.

Ambas as iniciativas son froito da colaboración entre o Concello da Laracha e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, nunha aposta clara por mellorar a eficiencia ambiental, reforzar os servizos públicos e avanzar cara un modelo de xestión de residuos máis sostible. O investimento total ascende a 332.000 euros, cofinanciados con fondos da Unión Europea-Next Generation.

Tracking Pixel Contents