RESIDENCIA ARTÍSTICA
Astrofísica e artes escénicas con 'Clementina e os Planetas' en Vimianzo
A proposta pretende estimular a curiosidade científica e visibilizar misións espaciais

A astrofísica Sara Cazzoli é a coordinadora do proxecto. / Cedida
O Auditorio de Vimianzo acollerá do 23 ao 28 de febreiro unha residencia artística do proxecto Clementina e os Planetas, unha iniciativa impulsada polo Instituto de Astrofísica de Andalucía (IAA-CSIC) e Nauta Teatro, en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología e o apoio dos concellos de Vimianzo, Teo e Santiago.
Clementina e os Planetas propón unha creativa e innovadora fusión entre a astrofísica e as artes escénicas como ferramenta de divulgación científica, empregando o teatro de obxectos —máscaras, monicreques e marionetas— para achegar a todos os públicos os coñecementos máis actuais sobre o Universo próximo: estrelas, planetas e cometas.

Cartel promocional de 'Clementina y los Planetas'. / Cedida
O proxecto ten como obxectivo estimular a curiosidade científica, visibilizar futuras misións espaciais e fomentar valores sociais aliñados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 da ONU, a través da aventura de Clementina, unha viaxeira interplanetaria que percorre mundos exóticos e diversos na procura dun novo fogar.
A proposta enmárcase na conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, combinando artes escénicas e divulgación científica para achegar a astronomía ao público escolar desde unha perspectiva creativa, participativa e con enfoque de igualdade.
O proxecto está coordinado desde o Instituto de Astrofísica de Andalucía pola investigadora Sara Cazzoli, científica do IAA-CSIC especializada no estudo do medio interestelar e do gas molecular nas galaxias, así como na formación e evolución das estruturas galácticas. Doutora en Astrofísica, desenvolve o seu labor no ámbito da radioastronomía e participa en proxectos internacionais de investigación. Destaca tamén polo seu compromiso coa divulgación científica e coa promoción das vocacións STEM entre a infancia e a mocidade, especialmente no impulso do papel das mulleres na ciencia.
Obradoiros didácticos para Primaria
O mércores 25 de febreiro desenvolveranse dous obradoiros dirixidos ao alumnado de Educación Primaria do CEIP San Vicenzo. Estas sesións ofrecerán unha experiencia práctica arredor da astronomía e da curiosidade científica, promovendo referentes femininos no ámbito científico e fomentando vocacións desde idades temperás.
Espectáculo e coloquio
O venres 27 de febreiro terá lugar unha xornada aberta ao público que incluirá un pase escolar do espectáculo Clementina y los Planetas, coa participación do alumnado de 1º a 6º de Educación Primaria do CEIP San Vicenzo e do CEIP de Baiñas, seguida dun coloquio co equipo artístico e científico do proxecto.
Ademais, ás 18.00 horas terá lugar a representación aberta ao público xeral, seguida dun coloquio co equipo artístico e científico do proxecto.
A montaxe combina teatro, música e divulgación científica para presentar de maneira accesible conceptos astronómicos, ao tempo que visibiliza o papel das mulleres na historia e no presente da ciencia.
"Esta residencia artística non só reforza o vínculo entre cultura e coñecemento científico, senón que consolida a aposta de Vimianzo pola divulgación astronómica e reforza o seu posicionamento como Destino Turístico Starlight, promovendo a sensibilización arredor do ceo nocturno, a ciencia e a igualdade como eixos de desenvolvemento cultural e educativo do territorio", subliñan dende o goberno local.
- Viajar en coche de Santiago a Vigo o A Coruña por la AP-9 supera el coste de un vuelo de ida y vuelta a Barcelona
- Sirat', del gallego Óliver Laxe, suma un premio clave en su camino a los Premios Oscar 2026
- Rosa Crujeiras se convierte en la primera rectora de la USC en sus 531 años de historia
- Pescadores y cazadores gallegos podrán usar la licencia interautonómica en diez comunidades a partir de 2026
- El precio de la gasolina se desboca en Santiago y rompe la barrera de los 2 euros el litro
- Ganadería Xesteiro de Zas compra una vaca frisona criada en Val do Dubra por más de 5.300 euros
- Del Benidorm Fest a la verbena gallega: El Combo Dominicano recupera a su estrella
- Una pasarela salvará la senda entre Milladoiro y la Intermodal de Santiago