Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Marcial Mouzo: «O ‘Pensando en ti’ foi a primeira rede social que houbo en Galicia»

Tras 41 anos diante dos micrófonos, o comunicador despedíase hai uns días da radio pública autonómica

Atrás quedan milleiros de horas en directo e unha comunidade de oíntes fieis a unha voz que fixo das madrugadas un lugar de encontro

Marcial Mouzo, no estudio do programa 'Quen anda aí', de TVG, co que seguirá colaborando

Marcial Mouzo, no estudio do programa 'Quen anda aí', de TVG, co que seguirá colaborando / CEDIDA

Susana López Carbia

Susana López Carbia

Santiago

Apenas transcurriu unha semana do seu último Pensando en ti, o programa da Radio Galega que comezou a dirixir e conducir en 1996, e o propio Marcial Mouzo (Camariñas, 1961) recoñece que aínda está «como polo sen cabeza», nun proceso de adaptación, entre a actividade e a xubilación definitiva, aínda que seguirá colaborando no programa da TVG Quen anda aí.

Como vai a vida despois do Pensando en ti?

A vida continúa, pero eu aínda estou no limbo. É unha sensación moi rara, porque non sei moi ben en que punto estou: non sei se sigo en activo mentalmente ou se xa son xubilado a todos os efectos. Son moitos anos cunha rutina moi marcada, cunha responsabilidade diaria, e iso non se apaga dun día para outro. Estoume asentando pouco a pouco, pero non é doado. A última semana do programa foi moi complicada, especialmente polos sentimentos acumulados.

Marcial Mouzo nunha das xuntanzas multitudinarias da audiencia do programa 'Pensando en ti'

Marcial Mouzo nunha das xuntanzas multitudinarias da audiencia do programa 'Pensando en ti' / CEDIDA

Moitas veces lles recomendou aos oíntes que buscaran actividades para levar mellor a xubilación. Agora tócalle poñelo en práctica...

Si, agora tócame aplicar a teoría. E xa estou comprobando que é moito máis fácil dicilo que facelo. Durante anos insistín en que a xente non podía quedar parada, que había que buscar ilusións novas, rutinas distintas, cousas que lle desen sentido ao día a día. Téñoo clarísimo: se unha persoa que foi sempre moi activa frea en seco, pode ser durísimo. No meu caso, por sorte, sóbrame que facer. Pero aínda así hai que reorganizar a cabeza, porque pasas de vivir para un programa cinco horas en directo cada noite a ter o reloxo baleiro.

«Cada vez hai máis xente vivindo e morrendo soa. A radio ten que estar aí»

Cre que vivir na Costa da Morte vaino axudar a adaptarse mellor a xubilación?

Axuda moito. Vivo en Vimianzo, a dez minutos de Camariñas. Teño arredor de 7.000 metros cadrados de terreo con froiteiras e moito traballo por diante. A casa, que ten case 200 anos, empezara a restaurala hai tempo, pero estaba todo parado porque eu non tiña horas para máis. Agora quero retomar ese proxecto con calma. Iso si, estamos nun momento no que é dificilísimo atopar profesionais: albaneis, carpinteiros, electricistas… Así que estou facendo un pouco de todo eu mesmo, sen ter nin idea. O outro día estaba buscando manuais de carpintaría por internet. Vou aprendendo sobre a marcha. Ao final, igual acabo descubrindo unha nova vocación (ri).

E o sono? Xa o recuperou?

Na semana previa á miña despedida houbo días nos que non durmín máis de dúas ou tres horas. A emoción empezou no Galicia por diante, coa primeira entrevista longa sobre a miña vida profesional. Ao saír do estudio estaban compañeiros e compañeiras agardando cun detalle precioso: unha figura de Sargadelos co faro de Camariñas. A partir de aí xa empezaron sentimentos moi enfrontados. Por unha banda, sabía que tiña que parar despois de 41 anos; por outra, non contaba coa tristura tan fonda que sentín ao deixar atrás os que foron os mellores anos da miña vida. A despedida do programa foi impresionante: 26 chamadas en directo, máis de 80 que quedaron fóra e centos de mensaxes. Foi moi intenso e emocionalmente esgotador.

Marcial Mouzo incorporouse á Radio Galega no ano 1985

Marcial Mouzo incorporouse á Radio Galega no ano 1985 / CEDIDA

O certo é que o Pensando en ti fixo comunidade antes de que se popularizaran as redes sociais...

Non teño ningunha dúbida de que o Pensando en ti foi a primeira rede social que houbo en Galicia. Hoxe falamos de redes sociais como algo habitual, pero hai que lembrar o que acontecía nos primeiros anos do programa. Organizabamos quedadas multitudinarias, xuntanzas nas que segundo a Policía Local chegamos a reunir 30.000 persoas en Cerceda. A xente coñecíase pola radio, poñíalle cara ás voces, intercambiaba teléfonos, visitábanse nas casas... Nós nunca dabamos datos sen autorización, pero os oíntes acababan organizándose entre si. Iso era unha auténtica mobilización social, unha comunidade real. Se iso non era unha rede social, que era?

Para milleiros de persoas o Pensando en ti foi ante todo unha axuda para combater a soidade...

Sen dúbida. Ao principio acompañabamos os panadeiros, mariñeiros, transportistas… Había moita vida nocturna que eu descoñecía. Pero a sociedade cambiou e o programa foi cambiando con ela. Nos últimos anos, a maioría das chamadas eran de persoas que viven soas. E cada vez hai máis xente vivindo e morrendo soa. Iso dá moita pena. A radio, e programas como o Pensando en ti, teñen que estar aí, facendo compañía, ofrecendo unha voz amiga.

Despois de tantos anos escoitando os testemuños de milleiros de oíntes, que historias lle quedaron gravadas?

Son incontables. Por exemplo, historias de amor de parellas que se coñeceron no programa e que anos despois seguen chamando para agradecer que lles cambiamos a vida. Iso dá unha satisfacción enorme.

Pero tamén habería momentos moi duros...

Moitos. Lembro unha muller que chamou para dicirme que a súa nai falecera no hospital coa radio debaixo da almofada, escoitando o programa. Ou aquela noite na que un oínte chamou para despedirse porque quería quitarse a vida. Estivemos máis dunha hora falando en directo. Suspendín o boletín informativo para seguir con el. Conseguimos mobilizar a policía e salvaron a súa vida. Iso é servizo público.

«A radio irá a máis se sabe adaptarse. O formato cambia, pero a esencia permanece»

Oprograma tamén cumpriu un labor importante no ámbito informativo...

Eu presumía de ter a maior rede de correspondentes do mundo: milleiros de oíntes en ruta, no mar, nos seus postos de traballo... Grazas a eles demos primicias de accidentes de tráfico, sucesos marítimos e acontecementos importantes practicamente en tempo real.

Vai a radio a máis ou a menos?

Eu creo que vai a máis, sempre que saiba adaptarse. A radio soubo incorporar internet, o vídeo, os podcasts… Non substitúen, complementan. Hoxe podes escoitar un programa cando queiras. E cando hai unha situación crítica, unha emerxencia, a radio de pila segue sendo imprescindible, como se demostrou no apagamento de abril do ano pasado. O formato cambia, pero a esencia permanece.

Marcial Mouzo, nun programa de Televisión de Galicia

Marcial Mouzo, nun programa de Televisión de Galicia / CEDIDA

Nota máis crispación social tamén nas ondas?

Moita máis. Pensaba que despois da pandemia seriamos mellores persoas, máis solidarias. E foi ao revés. Hai moita crispación na rúa e iso reflíctese tamén na radio. Cando se politiza un espazo como o Pensando en ti, faise moi difícil mantelo. Sempre loitei para que fose un lugar de encontro e respecto.

A radio apréndese na universidade ou diante do micrófono?

O xornalismo, como profesión, apréndese na universidade. Pero programas como este apréndense vivindo, escoitando, equivocándose e volvendo intentalo. O máis importante non é falar ben; é saber escoitar de verdade.

Ten algún consello para Pepe Capelán, que o substitúe ao fronte das madrugadas na Radio Galega?

Que siga como vai. Está facéndoo moi ben. Só lle diría que protexa o programa da crispación e que escoite moito. A clave está en escoitar. Pero el está facendo un traballo marabilloso.

Tracking Pixel Contents