Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

EDUCACIÓN

Máis de 5 millóns para reparar os danos dos temporais en colexios

No IES de Ponteceso a Xunta investirá 400.000 € no cambio da cuberta

Román Rodríguez e José Manuel Mato, no centro, no IES de Ponteceso.

Román Rodríguez e José Manuel Mato, no centro, no IES de Ponteceso. / X. G.

Ponteceso

A Xunta inviste 5,2 M€ en 119 actuacións de reparación en colexios e institutos de toda Galicia tras as condicións climatolóxicas das pasadas semanas. Así o confirmou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, durante a súa visita ao IES Eduardo Pondal, de Ponteceso, no que se vai acometer o cambio de cuberta tras os desperfectos sufridos por mor do mal tempo.

O alcalde, á esquerda, e o conselleiro, segundo dereita, no IES de Ponteceso.

O alcalde, á esquerda, e o conselleiro, segundo dereita, no IES de Ponteceso. / X. G.

O investimento será de case 400.000 €. Neste momento o proxecto está en supervisión, co obxectivo de licitalo canto antes e poder executar a obra no verán. A nova cubrición será de panel sándwich con illamento térmico. Tamén se impermeabilizarán os 500 m2 da cuberta e colocaranse novos canlóns e baixantes.

Un ascensor

A actuación eleva a 700.000 € o investimento da Xunta nos centros educativos de Ponteceso ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Neste sentido, cómpre sinalar que, ademais dalgunhas pequenas reparacións en varios centros do municipio, destacan as melloras sectoriais no Colexio Eduardo Pondal (105.000€), así como a instalación dun ascensor no referido instituto.

En canto ao tipo de actuacións que se están a realizar en Galicia, Román Rodríguez sinalou que se trata, fundamentalmente, de arranxos en zonas como cubertas e lucernarios, así como pequenas reparacións internas de pingueiras ocasionadas pola entrada de auga. Ademais, estanse a preparar varios cambios de cuberta que, tras este inverno, é necesario acometer nos vindeiros meses.

Atallar problemas maiores

«Moitas destas reparacións están terminando de concretarse polo que previsiblemente se elevará máis o investimento para atender coa maior dilixencia estas circunstancias sobrevidas», sinalou.

«O obxectivo é atallar estes danos con pequenas reparacións antes de que se convertan en problemas maiores», explicou o conselleiro. Lembrou que o mantemento e conservación dos centros educativos é unha tarefa compartida entre os concellos –aos que lles corresponde o dos centros de Infantil e Primaria– e a Xunta, que asume en exclusiva o resto.

Tracking Pixel Contents